Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E agora que, señor Gallardón?

viernes, 09 de noviembre de 2012
Albores do século XXI. Facendo unha anacronía por analepse, isto é, recuando no tempo, gustaríame rememorar un parágrafo que aparece recollido no texto constitucional do ano 1978, a nosa Carta Magna (a que eu, ao igual que milleiros doutras persoas, por idade non tivemos opción de ratificar ou rexeitar no referendo celebrado para tal continxencia). Concretamente, estoume a referir ao que reza o artigo 32, nos seus apartados 1 e 2:

1. O home e mais a muller teñen dereito a contraer matrimonio con plena igualdade xurídica.

2. A lei regulará as formas de matrimonio, a idade e capacidade para contraelo, os dereitos e deberes dos cónxuxes, as causas de separación e disolución e os seus efectos.

Tendo en conta o anterior, cal é a dúbida legal da que falaba o señor ministro de Xustiza, despois de que o Tribunal Constitucional ratificase a lei dos matrimonios homosexuais, aprobada polo goberno socialista de Rodríguez Zapatero.

A Constitución Española debe ser interpretada de modo contemporáneo: eu non leo en ningún dos dous apartados que diga que a única clase de matrimonio ten que ser única e exclusivamente entre o home e muller. E non establecer na súa interpretación un xuízo cargado de atavismo e intolerancia. Se á cúpula directiva do PP non lle resulta ético ou moralmente aceptable que dúas persoas da mesma condición sexual casen que o diga abertamente, mais que non ande escudándose en perversas dúbidas legais para interpoñer recursos de inconstitucionalidade contra leis que simplemente non lles gustan ou non coinciden co seu xeito, por veces (demasiadas), retrógrado de pensar.

Pero isto tamén nos leva a unha segunda cuestión, se cadra, tan grave e inadmisible como a primeira. Estou a falar do tema que ten que ver coa tan absurdamente renomeada separación de poderes. Nunca haberá unha verdadeira distinción de poderes cando na elección dos órganos de poder xudicial interveñen partes dos outros dous poderes: lembremos que dos doce membros que integran o Tribunal Constitucional, oito son elixidos polo Congreso e polo Senado (órganos do poder lexislativo), dous a proposta do goberno (poder executivo) e os outros dous polo Consello Xeral do Poder Xudicial, cuxos membros tamén son elixidos de maneira politizada. Así que namentres non se produza unha real e tanxible imparcialidade na elección dos membros que integren os devanditos órganos supremos do poder xudicial, moitas e controvertidas decisións que tales membros deban xulgar virán prostituídas de raíz. Menos mal que desta volta houbo algo de sentido común e unha lei que defende os dereitos de moitos cidadáns (sexa cal sexa a súa condición sexual) non sufriu a lapidación derrogatoria, que tanto lle gustaría ao partido do goberno.

Liberdade (que non libertinaxe) e pensamento aberto e contemporáneo (que non pensamento único e retrógrado, conservador ou involucionista), señor ministro!.
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES