Provincias
Editorial - jueves, 08 de noviembre de 2012
Agora que todo está en cuestión ou case todo, a reorganización administrativa pode ser un punto a ter en conta non xa pola simplificación e aforro que poida supoñer senón tamén pola racionalización que poida entrañar para o mellor servizo aos administrados.
Foi Javier de Burgos o que en 1833 estableceu o actual sistema de división de España en provincias, correspondéndolle catro a Galicia que levan existindo como tales case cento oitenta anos. Queda para a historia
aquela vella división de Galicia en sete provincias con capitais en A Coruña, Lugo, Ourense, Tui, Santiago, Mondoñedo e Betanzos.
En Italia veñen de dispoñer unha radical diminución do número de provincias pasando de 86 a 51 o próximo 2014, creando áreas metropolitanas e fusionando varias das existentes.
Se neste momento aquí se plantease algo así sería unha hecatombe, e sen embargo algo haberá que facer máis axiña ou máis tarde, que o decurso do tempo foi creando outras realidades, e hoxe Vigo ten creado unha situación especial en Pontevedra -xa recoñecida pola Xunta na última reorganización administrativa- e Ferrol e Santiago plantean nas terras coruñesas unha triple cabeceira vital.
Moito se ten falado da Galicia das comarcas, e chegouse á formación destas pero nunca tiveron papel importante na administración e xestión dos intereses que lles afectan. E son as provincias as que seguen a marcar os ámbitos políticos, económicos, administrativos, vitais, da Galicia de hoxe.
Pero o que leva cento oitenta anos funcionando non ten porque ser eterno. E nalgún momento poderá cambiar.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora