Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Enterrar ou incinerar?

viernes, 02 de noviembre de 2012
Compás social

ENTERRAR OU INCINERAR?

Pasou o día dos defuntos. Vimos centos de persoas e familias limpando as sepulturas e adornándoas con flores. Foi a hora de achegarse ó cemiterio sen medos nin fuxidas. Foi o instante de encarar o feito da morte con naturalidade, como fixeron case que todas as persoas e culturas sabias das pasadas xeracións. Quen máis quen menos lembrou ós seus defuntos e nun instante, polo menos, ollou de fronte a morte dos demais que a propia e inaccesible.

As culturas tradicionais deron diferentes respostas a estas cuestións cruciais: que é a morte, que facer cos restos mortais das persoas finadas? As respostas foron sempre coherentes coas crenzas relixiosas predominantes en cada cultura, remitindo sempre ó epicentro do seu sistema de valores: supervivencia ou aniquilamento da persoa defunta? Sería prolixo facer aquí un percorrido histórico. Só relembrar a cultura cristiana, teoricamente vixente na nosa cultura occidental, que considera sagrada a persoa, cunha parte transcendente (a alma) e outra perecedoira (o corpo) chamada a incorporarse á resurrección de Xesús, o Cristo, primicia, garantía e esperanza de futuro, aínda que non saibamos nin cando nin como ocorrerá iso. En consecuencia, dende o punto de vista cristián, os restos mortais de calquera persoa deben ser tratados como sumo respecto e son sagrados a todos os efectos.

Nas miñas participacións funerarias en varias rexións de España e de Europa, atopeime cada vez máis con este dilema: soterrar ou incinerar? Gardar as cinzas nun cemiterio comunitario, soterralas nun terreo particular ou esparexelas nun horto, nun xardín, nun río, nun monte, no mar ou incluso convertelas nun colgante ou nun anel? Moitas veces, como suposto entendido na materia, solicitáronme unha receita sobre o mellor modo de proceder, o máis humano, o máis cristiano... E a miña resposta foi ás veces máis de inquedanza que de acougo: todo depende da sensibilidade humana e relixiosa que teña cada persoa e cada familia responsable do finado.

Como esa resposta insinúa moito sen comprometerse con nada, non é xusto deixar a xente á intemperie total. Está claro que, desde unha visión de raíces cristianas, nada se rechaza nin se prohibe. O soterramento na terra ou nun nicho co debido respecto á desintegración natural do cadáver foi, en boa parte segue sendo, o procedemento habitual; mais as múltiples circunstancias da sociedade moderna, -morte lonxe do lugar de residencia, falta de espazo urbano, alto custo dos servizos funerarios, coidados e custos posteriores da sepultura, etcétera-, converteron a incineración nunha solución razoable dende varias perspectivas, e así o aceptan as mesmas igrexas cristianas.

Mais desde unha antropoloxía humanista comezan a xurdir dúbidas e matices sobre algúns comportamentos actuais posteriores á incineración. O esparexer as cinzas nun monte, nun horto, nun xardín, nun río ou no mar é unha operación limpa e aséptica; mais queda un interrogante que sempre flota no aire: os familiares, amigos e coñecidos quedan sen unha referencia material do finado; e iso pode ser traumático para viúvas, fillos nenos e outros seres íntimos do defunto. Cantas veces tiven que dar apoio a persoas desconsoladas que rezaban a un xardín, ó mar, á nada material, coa vista varrendo o horizonte! A persoa espallada ós diversos ventos queda sen referencia material concreta, coma se nunca houbera existido.

O soterrar as cinzas nun horto ou nun xardín particular está sendo hoxe aceptado sen reparos; mais dende unha visión comunitaria, cabe unha pregunta de longo alcance: esta separación individual dos restos mortais humanos dos espazos comunitarios, moitas veces pedida polos mesmos finados, ¿non será un reflexo da moderna mentalidade individualista que busca un sitio diferenciado ata máis aló do pasamento? En tempos cambiantes é dificil diferenciar unha innovación acertada dunha moda desorientada.

Na liturxia funeraria Cristiana/católica, a pesar do tremebundo e famoso himno latino “dies irae, dies illa..., día da ira, día aquel...”, sempre se puxo o acento, cos textos evanxélicos e as contundentes afirmacións de San Paulo, na resurrección de Xesús de Nazaret, o Cristo, primicia e garantía da resurrección futura de todo fiel, coa esperanza e confianza posta na súa palabra; mais nos nosos cemiterios predomina o símbolo da cruz, máis preto do sufrimento que da temperada esperanza e dos símbolos da resurrección. Este feito quizabes se deba a que a experiencia visible, palpábel e inmediata da desaparición da persoa é sempre traumática, dificil de superar incluso para os crentes. A chamada cultura laica, na súa vertente actual de indiferenza, agnosticismo ou ateísmo, aínda o ten máis difícil. De vez en cando vemos xentes silenciosas que non saben ben que actitudes, que textos e panexíricos escoller para o rito do velorio laico nin que facer cos restos mortais do finado. A morte, a perspectiva da nada, sempre desacouga tanto ás sensibilidades refinadas coma ás conciencias mentalizadas e orientadas en distintas opcións fronte á morte.

En conclusión, non hai receitas fixas para afrontar a morte, nin para o velorio nin para o tratamento final dos restos mortais humanos. Tanto as culturas da transcendencia (que cren no alén) como as culturas pechadas na finitude humana (que non ven un máis aló, nin para a persoa nin para a humanidade) teñen que temperar, -ás veces, ardua tarefa-, as innovacións nas que está en xogo o respecto e valoración da persoa, que de ningún modo debe converterse nun accidente insignificante e desbotable.

A sociedade moderna tende a esconder a miseria, a dor e a morte, mais non o logra; e intenta agarrarse a vellas utopías hoxe secularizadas: non morrer de todo, como dixo o poeta latino Horacio, perpetuándose por algún tempo nas obras e nos descendentes; e na busca dunha especie de novo panteismo, identificándose coa natureza para perderse nela definitivamente. Nesta cuestión a utopía cristiana ten un avance humanista: a espera personalizada, a esperanza individual e colectiva de que tódos os éxitos e fracasos acumulados da especie humana, portadora da conciencia de si mesma, non rematarán nunha aniquilación absurda e definitiva. A loita contra o anxo da noite e da nada seguirá sendo sempre un impulso propio do ser humano.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES