Pensamentos dun escornabois
Rivas Delgado, Antonio - lunes, 29 de octubre de 2012
Pensaba o escornabois que o gato con botas era un can descalzo que evitaba os toxos para non se picar. A leira estaba chea de toxos arnais e tan só os burros con orellas pequenas se atrevían a fincarlle os dentes.
Hai animais que semellan peixes ó voar, porque levantan o rabo e abeiran por Sudalomba abaixo. Pensaba o escornabois que a lagarta que tomaba o sol no Penedo de Vide era unha pomba branca chocando os ovos que tiña no niño dun petroglifo.
O sol queimaba de carallo e aínda así a gata de Laureano Diéguez se esparramou por enriba do capó do coche de Nicasio Sanjuán. Pensaba o escornabois que, a causa de levar tanto tempo pensando, a vida era eterna; pero a roda dun carro que pasaba xusto naquel momento esmagouno nun requiescat in pace eterno.
Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora