Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Detrás das tensións turco-sirias

martes, 23 de octubre de 2012
Ante a escalada da tensión militar na fronteiria turco-siria nas derradeiras semanas, co intercambio de fogo entre efectivos das Forzas Armadas turcas e tropas sirias apostadas na fronteira, a Asemblea Nacional turca autorizou ao seu primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan a eventual utilización da forza militar na fronteira con Siria, intensificando as presións sobre unha eventual guerra entre Ankara e Damasco.

Estas declaracións foron secundadas por un alto cargo de Defensa israelí, quen persuadiu á OTAN a aplicar o seu artigo 5º que prevé o respaldo a un país membro en caso de ser obxecto de ataque exterior. Este artigo foi invocado pola OTAN tras os atentados do 11/S de 2001 para posteriormente respaldar a ofensiva liderada por EUA contra o Afganistán dominado polo réxime talibán.

Precisamente, un comunicado da OTAN desta semana amosou o seu apoio a Ankara en caso de ser obxecto de maiores ataques ao seu territorio dende a fronteira con Siria, reflectindo que a OTAN “estaría lista” para apoiar a Turquía. Segundo afirma o portal de intelixencia israelí DebkaFile, Erdogan presuntamente habería pedido a Washington a posibilidade de impoñer unha “zona de exclusión aérea” nalgunhas rexións sirias, con presunto apoio militar estadounidense baixo o pretexto dos ataques sirios. Un escenario que levemente reproduciría unha situación similar á acontecida en marzo de 2011 en Libia contra o extinto réxime de Muammar al Gadafi.

Tanques turcos disparan contra posicións militares sirias ante a recente escalada de tensión militar entre Ankara e Damasco.
Por tanto, resalta este inesperado espallamento e intensificación das tensións na fronteira turco-siria nun momento en que a intensidade das operacións militares das tropas rebeldes agrupadas no denominado Exército Libre de Siria contra o réxime de Bashar al Asad diminuíron sensiblemente, amosando unha “guerra de posicións” dentro do territorio sirio.

A pesar do seu enfrontamento político e da certificación de ruptura de relacións entre Ankara e Damasco dende que estalou a rebelión siria a comezos de 2011, as recentes declaracións públicas de Erdogan e Bashar amosaron un nivel de distensión tendentes a rexeitar calquera eventualidade dunha confrontación bélica entre ambos países.

Compre por tanto considerar diversas variables que eventualmente puideran estar gravitando en torno as recentes tensións militares turco-sirias, e que poderían implicar a eventual concreción dun escenario internacional tendente a favorecer unha intervención exterior en Siria.

O presidente sirio Bashar al Asad acusa constantemente aos rebeldes de propiciar esta escalada de tensións con Turquía, toda vez na fronteira turco-siria igualmente están asentadas milicias kurdas que poderían cooperar cos rebeldes sirios ante diversos ataques. Se ben as comunidades kurdas de Siria serían as menos favorables dunha intervención exterior que implique unha eventual invasión militar turca en Siria, a renovación das tensións en torno á situación dos kurdos dentro de Turquía podería eventualmente explicar esta escalada de tensións turco-sirias.

Igualmente, a inédita intervención dun alto cargo israelí a favor de que a OTAN apoie a Turquía nunha eventual guerra contra Siria, revelaría os xa publicamente aceptados intereses de Tel Aviv na caída do réxime de Bashar, un escenario que contaría obviamente co beneplácito de Washington e o apoio tácito doutros actores con intereses no conflito sirio, como son os casos de Arabia Saudita e Catar. Precisamente, é de sobre coñecido que estes países outorgan apoio loxístico, financeiro e militar aos rebeldes sirios.

A inédita implicación israelí, cuxa posición ata agora observaba un prudente distanciamento coa pretensión de considerar en qué lado se decantaba o conflito sirio, se completaría coa recente intervención do seu primeiro ministro Benjamín Netanyahu na Asemblea Xeral da ONU, na que defendeu os esforzos por illar (ou eventualmente atacar) a Irán polo seu programa nuclear.

Tel Aviv defende unha ecuación xeopolítica na que implicaría o escenario sirio dentro dunha estratexia global de acoso contra Teherán, tomando en conta que o réxime iraniano conserva nexos de cooperación e alianza co réxime de Bashar. Precisamente, a conferencia sobre Siria impulsada por Irán en xullo pasado

O recente desprazamento de tanques militares turcos á fronteira con Siria certificaría a mobilización de toda serie de intereses implicados nun escenario de eventual confrontación bélica. A pesar do distanciamento nas relacións entre o goberno de Erdogan e Tel Aviv dende o ataque israelí á flota de solidariedade con Gaza en 2009, o estamento militar turco segue a manter estreitas relacións con Israel, aliado estratéxico militar de Ankara desde 1996. Por tanto, a eventual implicación da OTAN no conflito sirio a través do apoio a un país membro aducindo un ataque exterior, eventualmente lexitimaría un acoso exterior que implique a caída definitiva do réxime de Bashar.

Polo contrario, os esforzos de Rusia, xunto a China e Irán o principal aliado exterior de Bashar, por evitar un eventual conflito turco-sirio semellan establecer canais de conexión entre Ankara e Damasco para evitar unha confrontación bélica que trastocaría o mapa xeopolítico de Oriente Próximo. Por tanto, esta escalada de tensións e as presións exteriores, principalmente da OTAN e Israel, colocan nunha posición sumamente delicada para o primeiro ministro turco Erdogan, con especial incidencia pola presión interna da poderosa casta militar turca por intervir en Siria.

As razóns dos militares turcos non se focalizan unicamente en respaldar a eventual caída de Bashar senón en evitar que a fronteira con Siria sirva como cordón extensivo do irredentismo kurdo, nunha conxuntura onde se renovan as tensións no sueste do país, o tradicional Kurdistán turco fronteirizo co Norte de Iraq.

Mentres, diversas fontes de intelixencia occidentais informan que en Damasco presuntamente estarían negociando diversos grupos de poder unha posible saída política para Bashar sen que isto, necesariamente, implique a caída do seu réxime. Así e tdoo, dende Washington, informes de intelixencia reportan que Bashar non podería resistir seis meses máis no poder. O contexto actual de tensións indicarían que, finalmente, o réxime de Bashar eventualmente sería a próxima peza de dominó en caer dentro da dinámica de cambios derivada da Primavera árabe.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES