Galicia caníbal
Vaamonde, Pablo - lunes, 22 de octubre de 2012
Galicia ten unha singular tendencia á autofagocitose. Estamos no camiño da desaparición como pobo. Cada vez somos menos, máis vellos e máis pobres; enviamos aos nosos mozos polo mundo adiante na procura do porvir que aquí lles negan e entregamos as rendas do destino colectivo aos que desprezan os nosos sinais de identidade e non cren nas posiblidades de futuro do país.
Os datos son concluíntes. Galicia perdeu máis de 12.000 persoas o pasado ano (INE), máis de 3.000 por provincia. Por grupos de idades, a poboación de 60 ou máis anos xa representa o 30% do total da poboación. Agora vivimos en Galicia pouco máis de 2.700.000 persoas, das cales 600 mil subsisten nunha situación económica precaria e arredor de 100 mil viven en condicións de pobreza severa (EAPN). Mentres tanto, perto de 70 mil galegos, os máis novos e preparados, marcharon de Galicia en 2010 e 2011 na busca dun futuro mellor. Xa decía Castelao que o galego non protesta, emigra.
Deste xeito o medio rural galego está quedando sen xente. A Administración está potenciando este goteo do despoboamento coa política de recortes. O sociólogo C.M. Abella advertiu de que a Xunta non está facendo nada do que os expertos recomendan para potenciar o rural. A línea política é eliminar todo o público. En dez anos amplias zonas de Galicia poden quedar convertidas en áreas de desertificación social, debido á falta dun proxecto vital para os novos e ao declive dos sectores productivos vinculados ao agro. O sociólogo Alberto Saco fala dunha estratexia deliberada para baleirar o rural.
Galicia está morrrendo como feito diferencial, afirma Antón Baamonde no seu libro A derrota de Galicia. Tamén recorda que o idioma galego está eshausto e o estado do benestar está sendo adelgazado a velocidade de vertixe pois, neste tempo de cinismo ilustrado, no goberno galego senta xente firmemente partidaria da identidade, pero non da galega, precisamente. O mesmo autor aínda é máis contundente nun artigo recente: ninguén ten feito tanto como Núñez Feijóo por desprestixiar o autogoberno de Galicia.
A opinión publicada en Galicia reflexiona maioritariamente nesta mesma dirección. Durante a campaña electoral deuse a coñecer un informe do Consello de Contas no que se pon en evidencia a maquillaxe efectuada nas contas públicas de Galicia. Mais, mesmo se foran certas, que as contas da Xunta resistan a comparanza coa maioría das outras facendas autonómicas non lle serviu a Galicia, desgrazadamente, para nada (X.M. Pereiro, El País). Suso de Toro tamén é contundente: O tempo histórico da autonomía política xa rematou cando Feijóo chegou á Xunta. Santiago Lago fai unha pregunta retórica: para qué usaron o autogoberno nestes últimos anos? E contesta facendo referencia ao modelo do galo decapitado: Un corpo sen cerebro, que sigue correndo, pero non sabe ónde vai. Tamén hai quen cuestiona a categoría ética do inquilino de Ponte Pío: a solidez dos seus principios pode verse non terreo persoal, cando se rodeaba de sotanas e logo, tanto se é certo o que din del como o que el dí de sí mesmo, vivía en pecado mortal (X. Borrazás, Tempos). Mais a opinión non é unánime. La Voz de Galicia, o xornal que recibe máis apoio económico da Xunta, paga aos seus colaboradores para cantar as loanzas do xefe (Caneiro).
Por moito que se queira enmascarar a realidade, a evidencia dos feitos é moi poderosa. O descenso demográfico, o envellecemento poboacional, a quebra das entidades financeiras, a destrucción de milleiros de postos de traballo, a fuga da mocidade, o empobrecemento da poboación, o pesimismo colectivo: todo esto aconteceu de xeito vertixinoso durante o mandato de Núñez Feijóo. Non cumplíu ningunha das súas promesas electorais, formou un equipo mediocre e antigalego, puxo a crise como escusa e a falsa austeridade como slogan para adicarse con ensañamento á procura do deterioro e o desprestixio dos servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais) e á deconstrucción simbólica de Galicia. Se lle permitimos continuar nesta tarefa catro anos máis, o futuro deste país quedará severamente hipotecado.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Vaamonde, Pablo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora