As San Lucas
Fernández, Suso - viernes, 19 de octubre de 2012
Cada outono, dende hai séculos, Mondoñedo convértese en lugar de cita para milleiros de festeiros e feirantes de diversos puntos de Galicia, e de fora dela, atraídos pola singularidade dun acontecemento prestixiado ó longo dos tempos: as súas nomeadas feiras e festas das San Lucas. Dí Alvaro Cunqueiro, no seu Merlín e Familia, que é ésta unha cidade sonada polos seus bispos e polo cabalar das San Lucas, e dí tamén que é rica en pan, auga e latín.
A fermosura da ancestral cidade engaiola a quen se acerca a ela co espíritu disposto e a sensibilidade receptiva para captar a mensaxe histórica que, desde un desusado silencio, emana das vellas pedras que labraron os seus artesáns; dos sons das melodías que compuxeron os seus músicos insignes e que resoan nas encrucilladas das estreitas rúas, ou dos versos apaixoados dos egrexios poetas, Pero chegadas as datas das San Lucas a cidade adquire unha nova dimensión; o xentío, festexeiro e barullador, invade as rúas e Mondoñedo, cal vella e paciente matrona, acolle no seu regazo amoroso a cantos a ela chegan, á procura dunhas horas de solaz vividas na compaña dunhas xentes ás que a longa historia investíu de fidalguía e do don da xenerosa hospitalidade
As feiras das San Lucas conservan, en boa medida, o feitizo dos vellos feirais e seguen a ser ocasión propicia para mercar os mellores productos naturais e artesáns da bisbarra; as noces, as castañas e o mel, a cerámica, as pezas de buxo e os cestos de vimbio ou os mais insospeitados artiluxios de antiga usanza, que fan das San Lucas un singular certame comercial, no que prevalecen valores xa case esquencidos e sobre todo, como escribiu Cunqueiro os potros bravos, os fillos do vento, as greas peludas e asustadizas que para acudir ó feiral patean as pedras da calzada romana.Mondoñedo conserva o engado da súa personalidade diferenciada.
Cada outono mariñán ten o mais importante evento festeiro, comercial e social nas seculares As San Lucas, efeméride para o encontro obrigado das xentes que se espallan por unha comarca que ten como centro xeográfico a torre da catedral da Asunción, e que acuden á chamada da histórica campá coñecida por A Paula.
Como confirmación da antiguedade das feiras mindonienses, digamos que éstas, As San Lucas, son 55 anos mais vellas que a catedral de Santiago. Non falte á cita.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora