Axustes técnicos
Editorial - viernes, 08 de abril de 2005
Galicia vese beneficiada e perxudicada por dous axustes técnicos, eufemismo que moitas veces agocha manobras de alto calado de fonda transcendencia económica e social.
Un axuste técnico beneficioso permite que Galicia siga a percibir ata 2013 os fondos estructurais, que supón que cada ano veñan para o noso País máis de 730 millóns de dos fondos europeos para o desenvolvemento. O axuste técnico efectuado -que aumenta a poboación galega e nos fai proporcionalmente máis pobres- coloca a Galicia á altura de Andalucía, Extremadura e Castela-A Mancha, entre as rexións que non acadan o 75% do
nivel económico da Unión Europea.
Outro axuste técnico -este, perxudicial- efectuado polo Ministerio de Fomento, retrasa dous tramos do Ave galego, evidenciando as nosas carencias colectivas e privándonos da ilusión dunha pronta solución parcial, nunha acción que o Presidente da Xunta de Galicia califica de
"roubo". A Ministra explicará no Congreso a nova situación plantexada, pero máis ca explicacións o que o tema precisa é boa disposición e manter os proxectos e os prazos.
Para ben ser, os "axustes técnicos" non poderían ser outra cousa que accións automáticas que as burocracias administrativas fan de oficio cando unha situación se evidencia inexacta, ou se producen alteracións sustanciais nunha relación reglada. Así, estes axustes produciríanse no momento en que subise dun nivel determinado o custe da vida e este tivese que repercutir en contratos ou subministros.
O axuste técnico non sería así máis ca un reaxuste de situacións previstas, sen alterar as reglas do xogo, para -precisamente- manter esas reglas e respectar a filosofía que inspirou unha determinada situación.
Neste caso, os "axustes" son moito máis ca eso. E no primeiro caso, está ben, porque se busca o beneficio xeral. No segundo, non, porque aínda que non se sabe moi ben o que se busca, está claro que non é precisamente o beneficio dos galegos o que move a Fomento a ternos en vilo agardando cal será a próxima acción para ver que meixela nos toca poñer.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora