Galicia, nai velliña soñadora
Santalla, Iago - miércoles, 17 de octubre de 2012
GALICIA NAI VELLIÑA SOÑADORA
Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala
Manuel María
O vindeiro domingo os integrantes do ser colectivo que é Galicia decidimos o noso futuro. É, polo tanto, un día de festa no que en cada papeleta se debuxa un modelo ou un soño de sociedade polo que optar.
Nesta ocasión, opcións e concepcións moi diversas de Galicia loitarán por sumar as vontades individuais precisas para ser unha voz máis no Parlamento; e todo está o suficientemente aberto como para asegurar unha noite electoral emocionante, e chea de vaivéns.
Fica a incerteza de como serán as voces que nos representen, de se veremos no Parlamento consensos ou de se haberá debates que reflictan as realidades que nos son propias. Dúbidas e máis dúbidas que a noite dominical e o transcurso da lexislatura nos irán desvelando.
Só dúas cousa están claras: a primeira, é que cada deputado elixido ten que sentirse depositario e responsable dos soños que representa. A segunda, é que Galicia será o que ela queira como ser colectivo. Bendita democracia!

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora