Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O asociacionismo cultural en Galicia

martes, 16 de octubre de 2012
Asistín á inauguración da exposición “Un canto e unha luz” que compendia o labor realizados polo asociacionismo cultural entre os anos 1961 e 1975. O seu comisario, Ricardo Gurriarán, fixo un labor de investigación rigoroso, rescatando das brétemas do tempo documentos e información recollida nas entrevistas que mantivo cos seus protagonistas.

Di Ricardo Gurriarán que foi aquela unha tarefa difícil, marcada particularmente pola censura da ditadura franquista, que dubidaba entre reprimir directamente ou “tolerar” estas novas manifestacións de actividade cultural. Na memoria dalgúns permanece acubillada a experiencia daqueles anos nos que o heroismo era unha maneira de sobrevivir. A represión do réxime era de tal magnitude que calquera intento de manifestación cultural tiña que pasar por varios cribos antes de que se puide concretar nunha conferencia, nunha exposición ou nunha proxección cinematográfica.

O proceso era sempre o mesmo. Había que presentar solicitude na delegación de cultura do Ministerio de Información e Turismo achegando un guión da conferencia, que o seu autor tiña que escribir con moito tino para non alertar aos censores. Aínda así o gobernador de civil, que era o que tiña a derradeira palabra, decidía se se autorizaba ou non o acto. Previamente era informado o comisario-xefe de policía, que enviaba ao lugar a varios membros da brigada político-social. Estes, maiormente torpes e ousados, acudían en número suficiente -tres ou catro- para facérense notar. Tanto, que eu mesmo tiven que aturar as súas impertinencias: “dígale al señor conferenciante que se atenga al guión, porque de lo contrario interrumpimos la conferencia y lo podemos llevar incluso esposado a Comisaría”. Nunca se deu o caso. Pero si que ás veces erguíanse para interrompir ao conferenciante conminándoo porque segundo eles “está haciendo política”.

A exposición está ben ilustrada con fotografías e documentos reveladores da resistencia cultural daqueles anos. Aínda así queda moito que dicir. Estoume a referir, por exemplo, a un feito transcendente para o movemento obreiro de Vigo cal foi a constitución de COGALCO (Cooperativa Galega de Consumo) que naceu na Asociación Cultural de Vigo. Esta entidade, arromedando o exemplo das cooperativas de Mondragón, quería implantar aquel modelo con grandes centros de comercialización de alimentos con prezos moi baixos respecto doutras tendas e comercios.

Cinco eran as asociacións de clara significación galeguista: O Galo, en Santiago; O Facho, na Coruña; a Auriense, en Ourense; Amigos da Cultura en Pontevedra e Asociación Cultural de Vigo, sendo esta a máis activa e eficaz por estar na cidade máis dinámica de Galicia. Desde aquí espallouse a toda a comarca unha teimuda e eficaz acción. A Asociación Cultural de Matamá, Ateneo de Moaña, cines clubes (“Cíes” e “Vigo”), Grupo Cultural O Castro e algunha outra foron completando a rede de dinamización galeguista. Tan importante foi a Asociación Cultural de Vigo que sen ela non se pode entender o nacemento do nacionalismo galego contemporáneo. No seu local social xermolaron as novas fornadas de mozos que deron vida e pulo a ese nacionalismo.

É de xustiza recoñecer que a súa composición asociativa era moi plural e diversa. Intelectuais, profesionais liberais, funcionarios, obreiros cotizaban para o mantemento das súas actividades, porque entón non había subvencións públicas.

Chama poderosamente a atención que os historiadores oficiais dalgún nacionalismo político non teñan feito o labor realizado agora polo profesor Gurriarán. O sectarismo na análise histórica pode ser a causa.

E postos a buscarmos antecedentes a este movemento asociacionista hai que render homenaxe a aqueles homes (porque era varóns todos) que no ano 1949 quixeron constituír unha Asociación Cultural “de amplos horizontes e estensa base, dedicada dun modo exclusivo ás artes, letras e ciencias”, que foi reprimida polo réxime. Os seus sobrevivintes integráronse na Asociación Cultura de Vigo xa con outras xeracións.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania