Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia, sempre empezando...

martes, 16 de octubre de 2012
Compás social

Como membro dunha xeración que viviu media vida baixo o franquismo e outra media en democracia, tiven a oportunidade de fitar atentamente tódalas eleccións que se celebraron en Galicia: municipais, autonómicas, estatais e europeas. Como galego da diáspora non tiven a posibilidade de votar en Galicia en ningunha das convocatorias electorais da democracia. Como cidadán atento ó devir de Galicia, hai moitos anos que me prometín non repetir máis laios senón buscar camiños; pero desta vez temo plasmar aquí máis queixas que propostas. Nese longo percorrido de moitos emigrados, dispostos a un compromiso coa terra, tivemos a impresión de que Galicia, case en cada convocatoria, sempre estaba empezando: constantes reorganizacións de partidos, de utopías e proxectos abstractos, con só algunhas propostas máis próximas á realidade concreta. Os preparativos para a convocatoria electoral do 21-Outubro parecen seguir as mesmas tendencias e pautas do pasado.

Os xornais galegos deron a coñecer os datos cuantitativos dos candidatos á deputados autonómicos. Para 75 escanos preséntanse 1.589 aspirantes, un 31% máis que en 2009; un 65% máis que en 2005, un 92% máis ca no 2001 e supera nun 116% ós 734 candidatos de 1997. Este aumento exponencial de cidadáns dispostos a incorporarse ó servizo público cabe interpretalo como un dato positivo de participación cidadana, mais haberá que analizar o transfundo desta dispoñibilidade. Certo que parte do campesiñado e doutros grupos difusos xa se incorporaron activamente o sistema electoral; non obstante, o partido da abstención segue sendo importante e así o sospeitan os medios de comunicación. Os xornais infórmannos de que son 30 os partidos que se presentan as eleccións, que coas coalicións dalgúns quédanse en 26, aínda que só 14 deles presentan candidatos nas catro circunscricións electorais. Sabemos que moitos deles son partidiños de gabinete, pero esta fragmentación mostra unha clara dispersión de forzas e posiblemente da súa irrelevancia social. Algúns deles nin sequera presentan programas electorais, outros ofrecen unhas consideracións xenéricas e os grandes partidos escriben programas electorais tan extensos e complexos que, de cumprilos, boa parte dos problemas de Galicia quedarían resoltos ou encarrilados nesta mesma lexislatura.

A pregunta segue chamando a porta da reflexión: este pluralismo de agrupacións políticas pode ser unha gran riqueza social e á vez un atranco de inoperancia nun escenario de oligopolios económicos, políticos e mediáticos; mais a que se debe? A unha mentalidade fragmentada en localismos? A un exceso de liderados? A falta dunha mínima visión común dos grupos dirixentes galegos? A resposta é difícil de pescudar e será sempre discutible. Se enfocamos de cerca a realidade galega concreta, no eido da política observamos unha dinámica peculiar: pese a desafección e desencanto cidadán, xorden grupos independentes con escaso bagaxe ideolóxico e cunha ducia ou dúas de propostas locais ás veces razoables, mais carentes dunha perspectiva global. Logo seguen agromando grupos que, cunha alta carga ideolóxica, instálanse nun pluralismo de ideas que só nalgúns casos logran converxer en proxectos e partidos. E como escenario envolvente están os representantes dos grandes partidos estatais que, mesmo con fendas nos seus feudos e persoeiros tradicionais, recollen rendas da lei electoral, do control das institucións, do reparto de dádivas discrecionais, de agradecementos consolidados e de adhesións inquebrantables. O pluralismo pode significar unha formidable riqueza política-social, mais cando se alarga e perpetúa disperso demasiado tempo acaba sendo social e politicamente estéril e irrelevante. E se nalgún intre por carambola hai alternancia no poder, xorde a tentación de tecer e destecer todo o urdido para recomezar de novo en todo.

Galicia arrastra uns problemas históricos e actuais moi específicos e diferentes que requiren formulacións e tratamentos ben diferenciados. E para este proceso requírese superar os excesivos particularismos para encontrar as coordenadas esenciais e estables que permitan camiñar a tódolos galegos na mesma dirección, aínda que con matices diversos. Non basta con parlamentarios e outros representantes políticos mudos nos diferentes banzos das institucións, senón que están para formular propostas e buscar consensos e solucións que fagan xustiza ós atrasos acumulados. Como exemplo, unhas cuestións puntuais: ¿Como é posible que cunhas redes de trens obsoletos, os parlamentarios galegos, estatais e autonómicos, non reclamen de forma enérxica a construción unha rede ferroviaria de alta velocidade, de pasaxeiros e de mercadorías? Digan o que digan os que xa teñen AVE e queren máis, unha autonomía periférica necesita salvar distancias. ¿Como é posible que o leite galego, de alta calidade, se pague os gandeiros dez ou vinte céntimos menos que no resto de España e de Europa? ¿Como é posible que, a estas alturas, a maioría das materias primas do campo galego non se transformen in situ antes de ser exportadas á outros mercados? ¿Que está pasando coa reforma dos concellos, das comarcas, das deputacións? E así outras cuestións esenciais.

Galicia ten utopías teóricas, mais necesita proxectos urxentes, viables, con visión de futuro e propostas realizables a curto, medio e longo prazo. E para iso é necesario superar ese pluralismo de organizacións políticas demasiado pequenas que resultan inoperantes nun entorno de grandes organizacións. Galicia debe estar sempre renovándose, mais non sempre empezando..., non sempre acumulando atrasos.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES