O recibo da luz
							Xiz, Xulio - lunes, 15 de octubre de 2012
							  	Cando non temos esas noticias tremendas que nos falan de corrupción, de cazo, de lixo político-administrativo, parámonos noutras novas que nos afectan moi directamente, sexan impostos novos, alza de prezos, ou conxunto de factores en fin que fan cada vez máis difícil a nosa vida cotiá.
	Porque se ben os ingresos que podemos percibir están perfectamente controlados, regulamentados, medidos e recortados, os pagos que temos que efectuar experimentan aumentos que tamén coidamos controlados, regulamentados e medidos, como pretendendo coñecer ata que punto poden exprimirnos sen que o sistema se desintegre.
	O malo para nós é que determinados servizos, que nos facilitan grandes compañías  incontrolables compañías- son para nós de obrigada adhesión, e de ben difícil control, por moito que o Goberno se empeñe en regular tarifas e estas compañías nos faciliten recibos que deberamos entender e analisar coa maior atención.
	E atendemos con fatalismo as repetidas noticias de aumentos, por pequenos que parezan, nas tarifas destes subministros de primeira necesidade, sendo os da enerxía eléctrica os máis ostensibles, que experimentan ascensos paulatinos e cada factura a recibimos coa sorpresa de non saber nunca o que nos agarda.
	De ser importes relativamente asequibles, facturados cada dous meses, pasaron en boa parte das empresas a facturación mensual, con importes que nos soan igual ca os anteriores de hai non moito tempo, pero sendo doble o número de recibos.
	A última nova que recibimos en canto ás tarifas da enerxía eléctrica, é unha baixada dun dous por cento que se vai materializar este mes de outubro, que as asociacións de consumidores consideran ridícula, e nós en xeral damos por amortizada na mesma medida que cando se nos anuncia un aumento sexa do importe que fose.
	Reina entre nós unha especie de fatalismo que abarca terreos tan amplos como os da política, os da economía, e os da sociedade en xeral. E nada do que ocorra nestas áreas nos conmove, aínda que nos afecte do xeito máis cruel.
	Pero chegará un momento  a moitos xa lles ten chegado  que non será posible resistir. E a menos que algún mago se saque desde agora ata daquela algún truco milagreiro da manga, ou algún político xeitoso atope fórmulas humanas de goberno e administración, cando ese momento chegue, que Europa  ou sexa, Merkel- nos colla confesados.
							
							
 
							Xiz, Xulio
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora