O berro do eixe
Rivas Delgado, Antonio - lunes, 15 de octubre de 2012
A vida é coma a curvatura do ladral cando o carro vai baleiro. Móstrase entre os estadullos e móllase coas pingas de auga que caen das nubes negras.
A vida é o berro do eixe do carro cando este vai cheo de toxos ou cando os sacos pesan por culpa das memorias labregas.
A miseria pesa na alma e os recordos déitanse sobre as pallas que cobren o estrume. Acouga xa o carro na palleira co pinallo bicando o chan e saboreando a nostalxia dun día de traballo.
A vida é o silencio nocturno entre aparellos de labranza e sentimentos de pantalóns curtos. Corre o rato por entre as espigas do millo e xeme o mango da aixada ó incharse por culpa da auga. Hai palleiras que acumulan soños dun neno labrego.
Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora