A pesar do que...
Rubal, Pedro - viernes, 12 de octubre de 2012
Non sei se vostedes, amigos lectores, oíron as queixas dun labrego nunha entrevista que lle fixo un xornaleiro na televisión. Enfocaban as cámaras a unha leira de millo, completamente escachizada polo xabaril, coas mazarocas comidas e debulladas. Do marco no que o labrego contemplaba a inutilidade do seu traballo e a súa faciana de tristura, dimanaba unha aura de impotencia. E nun momento de arrouto, dixo:
--Aquí só gozan de protección os animais e...os ladróns!.
E seguro que naquel entón estaba pensando nos que entran violentamente nas casas onde viven velliños, incluso pegándolles, e non nos de colo branco, que, para que poidan fuxir da xustiza despois dunha laboriosa e ben manifesta instrucción, tipifican os delitos de forma convenientemente borrosa.
É que os políticos non acaban de decatarse...!. Desta maneira non se pode vivir no campo nin do campo. Parece como se as persoas menos preparadas e máis descoñecedoras dos esforzos dos labregos estivesen nos postos de responsabilidade da política agraria. E menos mal, que nalgúns sitios teñen acabados os traballos de concentración das leiras, porque a incompetencia, a teimosía ou o marco xurídico pouco adecuado, fan que noutros teñan os paisanos que esperar anos, e algúns morrerán sen saber que fincas van adxudicar aos seus fillos. Acaso non comprenden os responsables destes servicios públicos que os labregos teñen que dispoñer das leiras sen interrupcións temporais, e sobre todo os que son máis dependentes delas?. Chega tan lonxe a súa incompetencia que ignoren que non é moralmente lícito (e seguramente nin constitucional) manter ós propietarios nunha tan prolongada situación de desacougo xurídico e de feito?.
E aínda se atreven a saír nos programas de televisión a barallar argumentos abondo falaces e dunha tal superficialidade que fai que os oíntes poidan emular aquilo dun bispo que predicou e argumentou sobre a existencia de Deus, nunha igrexa cheíña de almas. E fíxoo con tanto convencemento de que a súas palabras furaran fondo na conciencia dos fregueses, que cando saíu preguntoulle a un deles se todo lle quedara claro, e el contestoulle, non sen sorna (era galego!), isto:
-- Si, ilustrísimo ou como sexa, A PESAR DO QUE DIXO, sego crendo en Deus!.
Ós tales políticos, os afectados seriamente polas súas desatencións ou desacertadas decisións, tamén podían traerlles ó seu entendemento as palabras que o famoso físico norteamericano, Steven Weinberg, un teimudo materialista, escribiu a propósito da relixión, cambiando este termo por esta política. Diría así:
Esta política é un insulto á dignidade humana. Con ou sen ela, sempre haberá boa xente que faga cousas boas, e mala xente que faga cousas malas. Pero para que a boa xente faga cousas malas é necesaria esta política.

Rubal, Pedro
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora