O paro e a democracia
Muñiz, Ramón - miércoles, 10 de octubre de 2012
Nas enquisas que se fan, unha das preguntas máis relevantes é aquela que demanda cal é a maior preocupación do cidadán interrogado. A maioría, loxicamente, contesta que o paro, causa da dramática agudización da pobreza da poboación. Polo tanto, as medidas para atallalo deberían ser as prioritarias a tomar por calquera partido político. Evidentemente, se isto se conseguise de inmediato, eu tamén contestaría que o paro sería o primeiro asunto a solucionar. Pero como penso que é unha quimera tal como están as cousas, e máis aínda cando dende unha comunidade autónoma, como a nosa, cuns recursos tan limitados e co engadido dun poder dependente que a imposibilita de tomar decisións soberanas sobre a súa economía, no meu caso, respondería que a miña maior preocupación é a devaluación democrática que padecemos, e que o prioritario sería facer algo realmente importante para avanzar na súa consolidación, tal como a eliminación de todo simbolismo franquista e fascista das nosas rúas, prazas, edificios e calquera elemento de exaltación dos vestixios dunha ditadura e dun ditador.
E isto, si se podería facer de inmediato. Estas medidas, serían un paso de xigante para a nosa democratización real porque significan rachar co símbolo máis evidente da nosa destrución democrática. Relegar, como ata agora, tais medidas, é perseverar na súa banalización, causa fundamental do adocenamiento popular sobre a nosa longa noite de pedra.
Priorizalas, significaría asumir en toda a súa profundidade os valores democráticos, representativos dunha maior intelixencia, pola contra, secundarizalas ou, o que é pior, esquecelas amosa a despreocupación por estes valores, expresiva desa mediocridade aceptada como estado natural das cousas que diría Forges.
E unha sociedade intelixente sempre sabrá sair da pobreza, pola contra unha sociedade mediocre nunca o conseguirá.
Diremos, pois, que a profundización na democracia tamén ten moito que ver co paro.

Muñiz, Ramón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora