Diario de unha viaxe a Extremadura
Cachaza Platas, Mercedes - lunes, 08 de octubre de 2012
ASTORGA, GUADALUPE, MÉRIDA, PLASENCIA, CÁCERES...
Unha vez máis a Uned Senior de Xestoso integrada por alumnos de Aranga , Guitiriz, Monfero, Paderne , Xermade e arredores fixo unha viaxe con gran aproveitamento cultural e social percorrendo boa parte do oeste de España:
-En Astorga, capital da comarca leonesa da Maragatería; tivemos ocasión de deleitarnos coa arte de Antonio Gaudí ó mesmo tempo que percorremos a cidade, charlamos coas súas xentes e degustamos algúns dos seus productos máis típicos: mantecadas, chocolate e outros, sen esquecer de visitar algunha que outra librería para documentarnos con máis profundidade sobre esta preciosa cidade leonesa.
-En Guadalupe (Cáceres) vistamos o Mosteiro gótico mudéxar declarado Patrimonio da Humanidade, que noutrora rexentaron os Xerónimos e na actualidade os seguidores de San Francisco: todo arte, arte e máis arte; cultura, moita cultura; moita historia e beleza, moita beleza
Tivemos a sorte de asistir á misa do peregrino que se celebraba xusto coa nosa chegada. Ós pés da Nosa Señora de Guadalupe sentímonos acollidos na paz do seu regazo.
Na escalinata que dá acceso ó Mosteiro fixemos unha fotografía en grupo como recordo do noso paso por alí.
Tampouco nos esquecemos de percorrer o pobo e comprar unha mostra dos seus excelentes productos; pimento, aceite, e outros sen esquecer unha imaxe da nosa Naiciña Negra de Guadalupe.
-En Mérida (Emérita Augusta), capital da Provincia romana de Lusitania, Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, no ano 1993 e capital de Extremadura desde 1983.
O primeiro que fixemos foi visitar o ANFITEATRO, pasando a continuación ó MUSEO ROMANO, para rematar cunha viaxe en tren turístico desde o que puidemos observar os restos do ACUEDUCTO, chamado dos milagros pola súa resistencia a diferentes avatares ós longo da historia.
Aproveitmos tamén para tomar algo porque o sol acompañounos radiante durante toda a viaxe.
-En Plasencia, cidade monumental por excelencia, ademais dos principais monumentos tanto civís como relixiosos, tivemos tamén a oportunidade-sorpresa de visitar as distintas dependencias da UNED ubicadas nun antigo convento, que ó longo da súa historia, tivo diferentes usos.
Fomos convidados e acompañados a visitar as diferentes dependencias, pola mesmísima Directora Ilustre Sra Dona Consuelo Boticario, quen se mostrou extremadamente abraiada pola experiencia exemplar que se está levando a cabo na Uned Senior de Xestoso.
Recibimos moitos parabéns que contribuíron a mellorar, aínda máis, a nosa autoestima.
-En Cáceres, tamén Patrimonio da Humanidade, percorremos todo o casco antigo saboreando a súa arte, a súa historia visitando a súa catedral e diversos palacios que encerran boa parte dos mellores tesouros da terra extremeña.
Ó longo da viaxe poidemos comprobar o carácter sociable, xovial e acolledor das súas xentes, destacando a colaboración do Sr Fausto de 87 anos, home viúvo, de estatura mediana, de poucas carnes, pero unha mente moi lúcida e aguda e unha mirada moi viva e penetrante, coñecedor do pasado e da realidade actual, aberto a todo e disposto a disfrutar de tódolos adiantos destes tempos con todo o optimosmo do mundo. Un home feliz, xubilado da agraria, que moi ben podería representar ó extremeño de clase media da aldea. El vive só, nun pequeno pobo situado no medio do monte, camiño de Guadalupe. Tiña noticias de que A Coruña era moi bonita e según el- case tan grande como Madrid.
Disfrutamos moito da paisaxe extremeña, tanto da rural como da urbana, comprobando como o pobo extremeño sabe sacar o mellor daquelas terras: o corcho das sobreiras, as landras das encinas, o aceite das oliveiras e os pastos das devesas, dando lugar a unha gastronomía de primeirísima calidade.
A arte, a historia, a gastronomía e a servicialidade das xentes da terra extremeña, deixáronnos moitas ganas de volver en canto teñamos ocasión.
Tamén merecen o máis caluroso aplauso a boa organización do noso Coordinador: Rvdo D. Luis Ángel Rodríguez Patiño; dos nosos compañeiros e delegados Amelia, Tomás e Tucho así como o bo facer de tódolos asistentes.
¡Moitas grazas á Uned Senior de Xestoso!

Cachaza Platas, Mercedes