Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O liderado como vontade imprevisible

lunes, 08 de octubre de 2012
Sabido é que o termo “liderado” significa a condición de “líder”, e este deriva do verbo inglés “to lead”, traducido por “conducir”, “guiar”, de aquí que o lider sexa o guía, o xefe, dun partido político ou calquera outra colectividade. Por suposto, hai líderes bos, regulares e malos, e entre estos últimos escolleu Isaiah Berlín os líderes fascistas, para estudalos na súa obra titulada “Las raíces del romanticismo”, publicada no grupo editorial Santillana, S.A., no 2.000, en Madrid. Nela reférese ó fenómeno do FASCISMO coma a dexeneración do romanticismo nunha forma demencial.

Como o explica?. Isto é o que me propoño traerlles hoxe aquí, invitándoos, non obstante, a lectura de tan importante traballo, que contén moitas ideas interesantes, a meu xuizo, das que soamente apunto algunhas.

1º.- Sostén I. Berlín que o romanticismo negou que pudiera facerse uso dos criterios obxectivos en cuestións de valor, de política, de moral e de estética. Exclue así calquera referencia externa ao suxeito á hora de obxectivar os xuizos de valor, políticos, éticos ou estéticos.

2º.- Como consecuencia, deixar de facer uso deses criterios non significa necesariamente caer na máis atroz demencia, como ocorrería, pola contra, no caso das ciencias da natureza.

3º.- A aceptación dun ámbito de verdades obxectivas (ciencia) e outro onde estas están seriamente comprometidas, xera unha nova actitude ante a vida.

4º.- As intencións deben estar sempre por encima das súas consecuencias. Extrapolando: “A vontade está sempre por encima da razón”, é dicir, estamos na presenza dun certo “voluntarismo irracional”.

Daquela, con estos presupostos non é difícil comprender que ás institucións que limitan a vontade (neste caso, do líder) sexan destruídas sen contemplacións, posto que a vontade é o único que ten verdadeiro valor, e, precisamente por isto, o home considerado superior está legitimado para someter e “liquidar” ó inferior, porque está en posesión dunha vontade máis valiosa.

Certamente, non hai que ser moi perspicaz para darse conta de que de aquí ó “fascismo” só hai un chanzo para situarse na aceptación acrítica de canto dispoña o FÜHRER, o líder, o guía, con decisións que proveñen da súa VONTADE IMPREVISIBLE.

Leamos o que di o autor citado: “La razón por la que el fascismo le debe algo al romanticismo se funda, una vez más, en la noción de la voluntad imprevisible tanto del hombre como de un grupo que avanza a grandes pasos, de un modo que no puede sistematizarse, predecirse ni racionalizarse”.

Non aparece aquí o home coma un “animal ávido de poder”?. Pero…acaso non estamos en presenza de verdadeiros grupos e colectividades que sacrifican todo por unha migalla de poder?. Argallemos un pouco nisto con Nietzsche, un verdadeiro adiantado nesta temática.

Escollamos dous sintagmas da obra deste filósofo,”Aurora”, ed. de José J. Olañeta, 1.981, Barcelona. Rezan así: “amor ó poder” (Liebe zur Macht) e “sentimento de poder” (Gefühlt der Macht). Son a clave do que vou dicirlles. O home ten unha forte tendencia, ven a decirnos este filósofo, a apoderarse de todo, até o extremo de facerse acreedor a ser definido como “animal ávido de poder”.

E é tal a intensidade desta tendencia que o intelecto queda reducido a un medio ou mero instrumento ao servizo da mesma, para conseguir cada vez máis poder. E incluso, dos valores epistemolóxicos, coma a verdade, pode decirse que están fortemente vinculados o proceso de consecución de aquel. Así o afirma Nietzsche na obra citada, Libro Quinto, páx. 191, onde di referíndose a verdade, que “non é unha potencia, digan o que digan os retóricos e racionalistas. Polo contrario, necesita poñer da súa parte a forza e poñerse ao lado da forza, pois do contrario perecerá sempre”.

Pensa, ademais, que quen desexa exercitar un sentimento do poder, non se para en barreiras e aproveita todos os medios ó seu alcance; pero quen xa o ten vólvese melindroso e esixente, posto que xamais encontra nada que lle dea plena satisfacción, barállase cos parámetros do amor: A sempiterna insatisfacción do que xa posúe moito, pero non lle chega a nada.

Supoño que non me negarán que estas ideas do filósofo de Röcken (así se chama o pobo no que naceu), tan vituperado, por uns, e tan patrimonializado, por outros, axudan a comprender determinados comportamentos do home dos nosos días, en xeral: A brillantez dalgúns sectores da nosa sociedade no exercicio dese “amor ó poder” e o seu solapado “sentimento do poder”, baixo o manto das boas maneiras e a musiquiña de fondo do exercicio democrático, doutros sectores, ben xustifican a extrapolación deste pensamento nietzscheano ao noso contexto.

Os romanos tamén coñecían esta “vontade imprevisible” do liderado, e expresábano así: “ea est hominun condicio, ut nemo sua sorte sit contentus”, isto é, pola súa condición o home nunca está contento:

Volvemos a encontrarnos coa insatisfacción e o descontento dos que máis teñen, unha constante na sociedade, que xa é un tópico. Por iso os líderes demencialmente insaciables “hipertrofian” unha vontade que as persoas normais e sisudas manteñen controlada pola razón, enervando a tendencia a irracionalizarse, pero, como a avidez do poder sela a nosa propia natureza, é preciso non manter a garda baixa, por unha parte, para non caer na violencia, e, por outra, para previrse contra os que xa caeron.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES