
Polo que estamos a ver, parece que hoxendía estanse a realizar máis operacións nas rúas ca nos hospitais, alomenos ca no HUCLA, coa alarma e perigro que esto supón. Porque cada cousa é para o que é. Pero ao que parece, anda por aí unha enfermidade tan estendida entre a xente, que chega xa á categoría de peste, de modo que, como aconteceu en séculos pasados, os apestados casi terán que ser atendidos beirarúas adiante porque o fenómeno desborda e esgota a capacidade asistencial dos centros da sanidade pública do estado de benestar.
Porque a Pokémon, a Carioca, a Campeón, a Torre, a Orquestra, a Rei, etc. son operacións que, nalgúns dos casos, amosan datos que fan supoñer que o número de implicados e afectados poden ser tantos que non caberían arestora en casi ningures. E isto non fixo mais que empezar a saír á superficie e a vomitar as cagallas que van por máis abaixo e só dalgún xeito disimulado. Porque aquelas, unhas e outras, só fan parte dun cadro clínico máis amplo i endémicamente asentado. Trátase da enfermidade moral do egoísmo e do espíritu que, como estamos comprobando está a facer moito dano a todos nós e que todos a sufrimos ou somos causantes dela. A falta de boa fe, de sinxeleza, de convivencia gratuita; a desunión, o interese e o crime económico dos ricos contra os malpocados e de poucos entre moitos; a trampa, a fraude; a envexa, o consumismo e a nai que o deu, constitúen unha enfermidade ben boa, facendo que o home se atope só e aillado nun círculo podre , dando voltas a sí mesmo e ameazado polo coitelo do seu propio egoísmo. E disto estamos todos afectados, sendo ben certo que os implicados nas devanditas operacións non son máis ca uns pringaos de coidado, sendo o seu, pois, moi distinto dun pelotazo.
Tráfico de influencias, fraude fiscal, sobornos, explotación e cohecho talvez só síntomas ben graves dun virus moito máis devastador do que se ve a simple vista no banco de probas.
Daquela cóntase que en certa ocasión achegouse a san Francisco de Asís, cuius festum collimus, un mediador de negocios, desos negocios en que lle vai a un algo máis cá alma. Acercábase o tío prometendo ao santo todo iso que se dí nesas ocasións e que tal e que sei eu
E disque o santiño das pombas acenou únicamente cara a porta, espetándolle de contado ao tal embaucador:
- Se abres a boca outra vez, déixocha chea de esterco.
Pois iso, como mediciña preventiva. Porque operacións sempre as haberá, pero, por favor, de cando en vez. Non así decote.