Agasallos
Editorial - martes, 02 de octubre de 2012
O tema dos agasallos é algo tan introducido na nosa sociedade que xa parece o máis natural do mundo que no tempo entrañable do Nadal lembremos aos máis amigos, aos que máis nos favoreceron, aos que colaboraron connosco e lles enviemos un agasallo.
Entre particulares, nada que obxectar que cada quen é dono do seu e de facer co seu o que estime máis convinte. E ser xeneroso non é ningún defecto senón unha virtude.
O problema plantéase cando os agasallos se efectúan con fondos públicos, ou con fondos privados para agradecer un favor público. Que o agasallo pode ser unha axenda, calendario, obxecto sen gran valor material que se convirte en felicitación de Nadal e transmisor de bo desexo para o ano que vai comezar.
A empresa Vendex parece que tiña por norma facer agasallos, fose ou non polo Nadal, en metálico ou en especies. E aí entrou en colisión coa normativa facendo colisionar tamén fose primeiro o efecto ou a causa a todos os que con ela fixeron tratos.
Plantéase a dúbida de se unha caixa de viño como confesou ter recibido o alcalde de Boqueixón é motivo de incriminación, pero a dúbida xa non existe se se trata dun Rolex ou determinadas cantidades en metálico que evidencian que o agradecemento se manifesta de xeito impropio.
Posiblemente desde agora o tema dos agasallos languideza, e non só pola crise económica, que tamén. Xa que visto está que pode ocasionar graves problemas a quen os da e máis aínda a quen os recibe.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora