Beiras
Editorial - jueves, 31 de marzo de 2005
Beiras foino todo para o nacionalismo galego. E segue a ser moito aínda.
O nacionalismo galego é un conglomerado de forzas políticas que teñen un frente común -o Bloque- mantido milagrosamente cohesionado e unificado de cara ó exterior de xeito que parece imposible nunha forza política, e máis se cada grupo ten os seus propios idearios e ideólogos.
Son conscientes de que cada unha das fraccións que compoñen a forza nacionalista, por separado non conseguirían nada, e polo tanto están condenados a entenderse. E desde a nosa visión externa o Bloque é precisamente eso, unha unidade, un grupo nacionalista que en Galicia consegue o segundo ou o terceiro posto entre as forzas políticas.
Neste Bloque nacionalista galego, Beiras foino todo. E aínda segue a ser moito.
Profesor universitario, especialista económico, Beiras foi estandarte e excelente parlamentario. Arrebatado, impulsivo, teatral... Beiras foi a imprescindible presencia dunha forza que foi madurando e evolucionando desde unha primeira etapa de simpatía coas posturas máis extremas ata o presente na que o Bloque é dunha forza democrática, responsable, imprescindible na Galicia de comezos do século XXI.
No momento actual, Beiras que o foi todo, parece un obstáculo para a renovación, e en tanto Quintana pretende que caras novas enfronten o reto das urnas, Beiras resístese a pasar á condición de emérito e pretende seguir na loita diaria polo voto e a palabra.
Nin Beiras merece ser retirado á forza, nin o Bloque pode permitirse que aflore un enfrentamento entre os seus dous líderes (Rei posto e Rei non morto), xa que esta é unha forza política na que as navalladas gárdanse como os mellores secretos de familia.
A Beiras hai que buscarlle saída digna. Merécea, e seguro que a vai ter, porque lles convén a todos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora