Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Malos tempos para a cultura!

viernes, 28 de septiembre de 2012
Lembro que hai un tempo, certo escritor, o cal xa non se atopa no mundo dos vivos, acudiu a un programa de televisión para falar do seu libro, e rematou alporizándose porque naquel programa de entretemento pasaba o tempo e do seu libro apenas se falaba.

O caso é que eu, que non alcancei aínda tal categoría de escritor, tamén vós quixera falar do meu segundo libro individual, tamén quixera dalo a coñecer ao mundo e, aínda así, véxome obrigado a permanecer entre as paredes do silencio, porque este poemario homónimo (que conseguiu o 2º premio no Certame Literario de Vilalba do ano 2011), esta bolboreta de emocións mantense atrapada no cárcere das sombras, sen poder voar ceibe para que os demais poidan apreciar o seu interior. E non sei quen é o culpable de que este poemario non teña visto aínda a luz, eu non. Se cadra é por cousa da crise, da desidia, da inoperancia, da ineptitude (pararei cos substantivos, non vaian brincar o valado do eufemismo) dos responsables de que o libro se edite (tanto editorial coma concello de Vilalba). Descoñezo o alcance de tal responsabilidade, mais o que eu agradecería é que alguén se dignase a darme algunha información ao respecto, porque xa comezo a estar canso de vivir entre as paredes do silencio.

Ao mellor (peor) a responsabilidade de todo isto recae nese aire mesto e velenoso que percorre a inmensidade da Chaira e incluso fóra dela tamén. Un aire que fai que algunhas persoas manifesten un trato adverso contra a cultura en xeral, e pola literatura, en particular. E xa non digamos en lingua galega. Talvez ousan cometer tal atrocidade por medo, talvez por inconsciencia, talvez pola estupidez humana. Ou, se cadra, por un afán de dominio. Un pobo inculto é máis maleable. En troques, o que posúe a cultura consigo atópase con máis opcións onde escoller e con máis capacidade para decidir. Oxalá que a cheirume que carreta este aire mesto fose transitoria, con todo sinto o temor de que non vai ser así.

Coido que as hostes da autocracia van seguir esparexendo o seu fedor ignominioso ata o último recuncho desta terra. Mais que tampouco pensen que imos estar calados sempre. Loito con ansia para que chegue o día no que o noso berro sexa tan intenso que esnaquice os seus castelos de ferro e mentiras.
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES