Nos poucos da tradición oral de Sober
García, Xosé Lois - martes, 25 de septiembre de 2012
Son dos que penso que desde o mais íntimo e redutíbel do espazo existencial, no que nos criamos e nos desenvolvemos, procésase a nosa naturalidade dunha maneira íntima e acelerada por descubrir e dialogar con todo ese portento de variadas materias das que emana a nosa personalidade tan concreta do que somos, grazas ás descubertas que mantemos co noso microcosmos.
Isto é o que lle acontece a un grupo moi importante de pescudadores e descubridores do concello lugués de Sober, nos confíns do sur da provincia, que manteñen in situ ese diálogo coas cousas que desprenden pedagoxía. Desde os petróglifos neolíticos ate chegar á oralidade mais recente hai un enorme ventallo de cousas dispersas que este grupo trata de investigar e amañar seus dons para darnos matices do que se concentra no telúrico e se dimensiona na ancestralidade. Neste proceso, temos un avultado número de cousas con identidade propia que este grupo de persoas intensifica e divulga seus traballos ao redor do Colado do Vento (coladodovento.blogspot.com.es). Un blog que merece a pena visitar e do que sacaremos inmensas leccións do que Sober representa no contexto arqueolóxico, antropolóxico, etnolóxico, artístico, cultural e histórico de Galiza.
Constato que nestes primordios de descubertas hai un grupo aguerrido de persoas como Paula Verao e Alfonso Campos que están intensificando unha dinámica de afondar na intimidade deses latexos que dan pulo e conciencia no rescate de todo aquilo que de Sober emana. Así, o 20 de xuño de 2012, coincidindo co solsticio de verán, ao porse o sol no día mais longo do ano, aparece unha publicación datada en Proendos 2012 e titulada: Un pouquiño de tradición oral no concello de Sober, que ven a ser o III estudo que se publica.
Estamos ante un libro con enxebres particularidades que se resumen deste xeito: Lendas ribeirás, Contos, Ritos e crenzas tradicionais, Remedios tradicionais, Sucedidos, Personaxes populares, Cantigas, Coplas e recitados, Ditos e refráns, Divertimentos, Algunhas expresións tradicionais, Toponímia, Portadores e bibliografía. Todo un conxunto temático que esclarece e rememora moitas cousas do pasado para facer presentes e futuros.
No inicio do limiar deste libro, ordénase esta suxerencia: Sentarse de vagar mentres xorden historias fantásticas, certas, recreadas, exactas, cuspidiñas, imaxinativas; recuperar a capacidade transmisora, a esencia do ser humano receptivo, moldeábel, especial e ao mesmo tempo un cos animais sociais que aprenden, portan e danse. Nesta búsqueda privilexiada emerxe o sentimento popular cargado desa identidade que perfuma os diversos eidos de ribeira e de chan aberto de Sober. Un traballo iniciático, gnóstico -si se quere- con albores renacidos nas sabedorías do pobo que se ordena neste libro. Que inmortaliza as severas e rústicas costumes de tantas maneiras de concibir a vida comunitaria nunha das mais importantes xeografías de Galiza como é Sober.

García, Xosé Lois
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora