Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A reorganización dos concellos rurais

lunes, 24 de septiembre de 2012
Compás social

Recentemente a prensa galega informou sobre a fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras na provincia da Coruña. Despois de anuncia-lo proceso fai xa varios meses, con moito rebumbio nos medios de comunicación, agora as corporacións deses concellos aprobaron a fusión en sesión plenaria só con votos da maioría absoluta, non cos dunha maioría cualificada de dous terzos. E aí está un dos atrancos esenciais. Por outra banda, dende o goberno central anunciouse a intención dun proxecto de lei de reorganizar os concellos, basicamente os rurais, co paradoxo de quitarlles competencias e darllas ás deputacións provinciais.

A cuestión da reorganización político-administrativa do territorio leva anos debatida nos círculos de expertos, tanto en Galicia coma no resto de España. Noutros países europeos esa reorganización xa está feita dende fai algún tempo. Na praxe política de España e de Galicia os concellos rurais durmiron unha longa sesta de pacífica bonanza ata que agora despertaron sobresaltados ó dicirlles dende arriba que son inviables por carecer de suficientes recursos económicos para prestar uns servizos público a altura dos tempos; ó anunciarlles que o Estado non pode espallar de forma crecente e sostida tantos medios económicos. Por tanto, dinnos a todos, hai que racionalizar para prestar máis e mellores servizos con menos custo. E para iso o mellor sendeiro a seguir, voluntario ou forzoso, é, segundo este discurso, fusionar concellos, o que supón concentrar e harmonizar servizos , adelgazar o número de representantes políticos, de funcionarios públicos e de persoal contratado fixo ou eventual. Total, gastar menos e dar máis e mellores servizos. Como música pode soar bastante ben.

No caso dos concellos rurais galegos a cuestión ven de lonxe: fusionar ou segregar? Ó parecer hai 44 anos que non se daba unha fusión de concellos en Galicia; mais ben hai poucos anos déronse algúns casos de segregación de concellos. Sirva de recordatorio a división dos concellos de Ortigueira (Ortigueira - Cariño) e de Cervo (Cervo – Burela) nas provincias de A Coruña e de Lugo. Esa tensión entre unión ou separación dalgún xeito segue latente nalgúns concellos. As vilas rurais, tanto crecentes coma minguantes, tanto a poboación en xeral coma os notables, buscan nuns casos manter o seu status económico-social e noutros acadar unha xerarquía político- administrativa que supoña maiores vantaxes. De aí a dificultade de artellar unha reorganización territorial que contente a todos e faga a todos xustiza imparcial.

Como é sabido, os concellos organizáronse en España a partir da Constitución de 1812; e nos múltiples avatares dos dous séculos pasados, foron asumindo funcións case sempre o servizo do estado centralizado e dos banzos administrativos intermedios. De cara a veciñanza do seu territorio, durante longas décadas, os concellos rurais pouco máis puideron facer que arranxar as rúas e beirarrúas da súa capitalidade a medio urbanizar, quedando os asentamentos dispersos a mercé das súas propias forzas naturais e dalgunhas dádivas ocasionais dos organismos superiores. Esa precariedade trocouse agora: nunha democracia, tanto a poboación urbana como a rural, esíxenlle ás corporacións municipais cada vez máis servizos que os concellos só poden dar de forma testemuñal, non universalizada. A agonía demográfica rural e a caída da economía tradicional, sen suficiente relevo de novas fontes económicas, fan que se resintan incluso as pequenas vilas municipais, moitas delas totalmente dependentes da economía e poboación diseminada da súa contorna. Nese escenario de precariedades, será lóxico que as pequenas vilas e parroquias rurais diseminadas se resistan a perder parte das súas minguadas posibilidades de supervivencia económica e de relevancia social.

Mais esa posible e previsible resistencia será pan duro para hoxe e fame moura para mañá. Unha Galicia con 30.000 asentamentos de poboación, con 3.700 parroquias, con 315 concellos, con 53 comarcas, con numerosas mancomunidades, con 31 grupos de desenvolvemento rural, con 4 deputacións provinciais, con abundantes delegacións e subdelegacións autonómicas e estatais nas catro capitais de provincia, non parece a mellor organización para unha eficaz racionalidade económica e funcional ó servizo de tódolos espazos e estratos sociais, a pesar da tan recorrente proximidade. Resulta evidente que Galicia está aínda ancorada nunhas institucións artelladas no século XIX as que se foron sobrepoñendo e acumulando modernos organismos cun incremento desproporcionado de burocracia e custos de dubidosa rendibilidade. Esta situación non debe prolongarse, pois a agonía demográfica do medio rural xa non a resiste.

Deixando aquí a marxe a cuestión crucial das comarcas e deputacións provinciais, as noticias sobre a fusión dos concellos de Cesuras e Oza dos Ríos prodúcennos unha impresión contraditoria: certo que esta fusión entre concellos case iguais semella unha opción razoable. As súas condicións xeográficas, demográficas, económicas e sociais así o aconsellan; mais o modo de formalizar esa unión non parece o máis acertado: no seu día os veciños dixeron que lles deran a noticia pola prensa, e case ninguén coñecía estudos previos sobre os detalles deste proxecto. Mal comezo. E agora, no instante crucial da aprobación inicial da fusión, aplícase a maioría absoluta de votos emitidos das dúas corporacións municipais e non a maioría cualificada de dous terzos que, ó parecer, axústase máis a lexislación xeral, deixando así fóra o voto de toda a oposición. Se mal comezo, peor tropezón. O acordo inicial de fusión ten aínda que pasar por tres ou catro filtros de instancias superiores, mais agora vai ser impugnado pola oposición.

Vamos a esperar a ver que ocorre; mais nunha cuestión de tanta transcendencia para o presente e futuro de Galicia, de antemán podemos albiscar que, tanto para os actuais gobernantes como para os opoñentes, esa forma construír non semella un vieiro axeitado. Por ese empedrado tardarán decenios en reorganizar os concellos rurais e chegarase tarde para todo. Despertaranse centos de tensións e conflitos innecesarios dos que os políticos non se farán responsables. Por aí, non. O camiño é elaborar un proxecto común para toda Galicia cos debidos detalles e matices segundo o tipo de concellos, evitando a simple absorción dos pequenos polos grandes. A racionalidade debe primar sobre as ideoloxías partidistas e os intereses localistas. Iso require promover o diálogo, a participación e o máximo consenso entre tódolos grupos políticos; a máxima transparencia, información e canles de participación e decisión dos cidadáns. De non ser así, estamos expostos a repetir unha axitada, discordante e en parte arbitraria, historia municipal do século XIX.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES