Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Campás, campaneiros e campanarios de Chantada

miércoles, 19 de septiembre de 2012
Camps, campaneiros e campanarios de Chantada No Concello de Chantada vaise perdendo esa nobre costume do toque de campás e as doces resonancias dun tanguer conmovido e emocionante, cando seu son maxestoso apodérase por un intre do noso silencio, mentres se emiten esas mensaxes címbricas e sincopadas que nutren de espiritualidade panteísta nosas emocións acicaladas por tanto desorde e tanta alteración, nun tempo monótono que filtrou outros sons que foron desprazando aos das campás.

Nas trinta e seis parroquias do Concello de Chantada podemos facer unha clasificación de campás que ordenan seus sons timbradoiros e melódicos, de rexos tons monasteirais e de arroutado portento catedralicio. Nesta orde hai campás de sons misteriosos como a campá pequena de Merlán, que ten un tanguer delicioso, cuxos ecos conmoven ou revelan esa paixón de atender o toque seco enchendo de música valgadas e ribeiras do noso microcosmos. Eu fun un curioso e animoso tanguedor das campás de Merlán, na miña puberdade. Aqueles badalos tiñan ese misterio que se revelaba no bronce e o expandía en todo o que o silencio imploraba.

Alén das campás de Merlán está unha das campás de Veiga e outras mais que por ser de reducida feitura, non por iso limita súa expansión sonora e transmite ovación aos sentimentos. Estas campás de igrexarios van ficando mudas e só en intermitentes momentos de solemnidade aínda manifestan vida e elenco, agardando unha mao xenerosa que movemente seus badalos.

Campás de tons e sons grosos e atractivos que manifestan poder de contención e de expansión ao mesmo tempo. As campás de Sabadelle, Requeixo, Centulle e Mariz veñen a representar ese robusto eco de señorío ou de alta xerarquía eclesiástica que aniñou na intimidade da parroquia. No caso das campás de Mariz, lembro unha ocasión moi particular, sentimental e oportuna, cando eu era moi neno, o meu pai cavaba no monte da Rasa e cando sentiu tocar “O Ángelus”, na campá grosa de Mariz, sacou a gorra e ficou estático e conmovido. Cando remataron os toques, dixo que eran as doce pola vella e continuou cavando. Cando observo o cadro do pintor francés, Jean-François Millet, “O Ángelus”, vexo a meu pai argumentado no persoeiro dese labrego reclinado e coa gorra entre as maos que centraliza esa obra pictórica. Mais aquilo non era mais que unha manifestación que don Restituto, o vello crego de Mariz, continuaba usando, cando nas demais parroquias xa perdera tradición.

“O Ángelus” de don Restituto, viña así a lembrar a Anunciación e Encarnación do Verbo, mais tamén o misterio do tempo, esa anguria que nos persigue e que nos fai efectivos nun espazo cercado que se enmarca na temporalidade dos tránsitos cotiáns e que as campás son a mellor testemuña de dar fe do esencial e do existencial.

Neste escenario de dar noticia do tempus fugit, na miña mocidade, a campá grosa do reloxo de Chantada, cun formato de flor de loto desas campás brahmánicas ou budistas que no eixo central dos templos non deixan fosilizar os tempos. A campá do reloxo ficou muda, desde hai anos, xa non ofrenda as chegadas horarias e a caducidade de vivencias que o tempo absorbe e devora. Esta campá tiña un son rexo, absoluto e belixerante. Eu a sentía dar as horas no meu humilde fogar de Podente. O vento mareiro traía súas pegadas sonoras entre a choiva manseliña dunha invernía transcendida que a campá horaria non recelaba a súa contundencia. Os labregos rendíanlle obediencia para dividir os tempos de labor e de repouso, cando sentían seus golpes secos.

Nesa modalidade de portento e rixidez monacal, están as dúas campás de San Salvador de Asma (O Convento). Seus sons determinan o volume das mesmas. Sempre pensei que esas campás de alto rango procedían do antigo mosteiro bieito, censurado e dividido pola Desamortización. Coa axuda do sancristán subín ao campanario –fai pouco tempo- e comprobei que non eran da época do mosteiro. As súas fundicións datan de 1920. Nun dos rótulos de preferencia indican que foi o párroco D. Marcial García Cereijo quen fixo o encargo a “José Cabrillo Mayor/Proveedor de la Real Casa/ Salamanca”. Tal como reza noutra das cartelas que ostenta o escudo nacional.

D. Marcial García Cereijo (Piñeira, Taboada, 1862-O Convento, Chantada, 1944), con alcume: “O Gallas”, foi un crego que oficiou a súa autoridade como se fora un bispo, durante 44 anos na parroquia do Convento. Famoso por moitos percances que figuran na faladoría popular. Un home de talante conservador, impulsivo, culto e con presenza activa na vida social de Chantada. Fervoroso monárquico que xuntamente co xuíz de Chantada, en tempos da República, foron noticia por orixinar propaganda contra a República. Este feito, chegou ao parlamento republicano, tal como consta no Diario de Sesións.

O famoso crego do Convento tivo boas benquerenzas coa súa parroquia durante 44 anos, aquí casou a unha irmá e tivo sobriños, unha das sobriñas foi a mai do actual presidente do BBVA, Francisco Rodríguez. D. Marcial sempre tivo a ben que o Convento ostentara áticas e opulentas ornamentacións e as voluminosas campás foi un dos espectáculos que el magnificou seus primordios. Sempre presumía de súas campás e súa retranca non deixaba de acedar a outros cregos que non lle rendían veneración, sinalando que as súas campás eran competentes e a dos outros simples axóuxeres.

Nestas liortas de sancristía saíulle a D. Marcial un competidor: o crego de Nogueira de Miño, D. Cándido Canda Feijóo, párroco titular dunha parroquia viñateira con mais poboación que a vila de Chantada. En 1925 viaxa a Salamanca unha comisión presidida por D. Cándido e encargan ao provedor da Real Casa, José Cabrillo Mayor, unha campá de estrondoso son e ben maior que as do Convento. Insistiron de que fose unha campá de formato catedralicio e que tivese fachendosos e envexábeis arroutos que humillase a quen presumía das maiores. Así foi, o encargo cumpriuse e a campá chegou á estación ferroviaria de Ourense e varias xugadas de bois a encamiñaron cara Nogueira. Durante o itinerario as persoas persuadidas por tan grande volume, preguntaban para que catedral era esa campá, e os propietarios respondían: “Para a catedral de Nogueira de Miño”. O recibimento foi esplendoroso e a bendición da campá foi tumultuosa, como marca o ritual e a canónica católica. O Problema xurdiu cando tentaron entrala no campanario, o diámetro da campá era mais ancho que a superficie da arcada. Para isto tiveron que cortar parte das dúas paredes para darlle aceso ao habitáculo central. A campá repicou congratulando aos fregueses; despois xirou no seu carillón e o enorme peso fixo tremer os catro piares do campanario e nunca mais se utilizou este método, só o badalo.

Quen admire a paisaxe ribeirá de Nogueira e a súa enorme igrexa románica, non deixará de subir ao campanario e admirar tan singular bronce de primoroso tanguer que en nada envexa á Berenguela da catedral de Santiago. O curioso poderá ler no perímetro da campá: “Vox Exultationis/Siendo párroco D. Cándido Canda Feijóo/se fundió con donación de José Méndez Vigo y fondo de los feligreses. Año de 1925. José Cabrillo Mayor/Proveedor de la Real Casa/Salamanca”.

Parece ser que o prezo desta campá foi enorme, por curiosidade había que consultar o “Libro de fábrica” de Nogueira de Miño, para ter cifras exactas. Mais nesto dos gastos, unha ancián da parroquia faloume como unha grande toleada a merca desa campá: “Mire se eran tolos os de Nogueira que toda a produción de viño da parroquia do ano 25 foi para mercar esta campá de toque rexo”. Con esta compra, parece que D. Cándido lle ganou a partida a D. Marcial.

Os campaneiros tamén abundaron en cada parroquia, había competencia de quen tocaba mellor unha peza sacra ou profana. Aínda que parece que os sancristáns tivesen o monopolio de repicar e tirar do badalo e da rutina. Houbo fregueses que sabían moi ben do ritual do toque de campás e da súa función de emitir mensaxes e de facer chamadas aos crentes. A evocación do Laudo Deum Verum, no son das campás, transbordaba o rezo de gratitude e de penitencia na loanza ao Deus verdadeiro. Como se explica no Salmo sapiencial, ornamentado no redobre e no repique artístico dos bos campaneiros.

Tamén as campás en seu Populum voco, en toques lentos e seguidos convocaban e concentraban ao pobo para diversos motivos de tipo relixioso e de convivio cívico e organizativo. O repique apresurado era unha maneira de convocatoria de urxencia: un incendio ou calquera outra desgraza acontecida no contexto da comunidade.

As campás aínda continúan solemnizando ese toque de Defunctus ploro, no que parece que o bronce chora de dor polo pasamento dun fregués que parte deste mundo. O sinal que anuncia a un defunto, cos dous redobres iniciais para unha muller e tres para un home, para despois seguir en toques lentos o obituario, ten na nosa labregancia un alto no labor e rezar pola alma do que parte. O sinal de mortos acapara toda a atención emocional e pode que sexa un dos toques mais activos que chama ao recollemento. Non en van o sino (campá), como aínda se chama no idioma portugués e en moitas partes de Galiza, espalla eses toques De profundis clamavi ad te domine, que o Salmo convoca e proclama. O toque de defuntos ten unha tradición moi antiga que ven das comunidades monacais e que se preservou até hoxe.

Os campaneiros chantadeses tamén tiñan coñecemento do toque exorcista de Satan fugo, que era o toque de campá que poñía en fuga a espíritos satánicos e tiña dons para desfacer treboadas. Non poucas lendas adobían toda unha literatura popular sobre a capacidade das campás de estragar demos e treboadas.

As campás concedían a seus oíntes o privilexio de chamada a ledicia festiva, no que se coñecía como Festa decoro. Chamadas de véspera e día de santoral da padroeira ou padroeiro da parroquia. Eran e seguen sendo repiques emotivos que nos convidan a reproducir tradición dos nosos devanceiros. Repique de campás e estalo de foguetes eran a mellor publicidade para facer e honrar festividade e convivio.

Mais as campás precisaron de altivos escenarios no cumial dos templos. Velaí os campanarios de Chantada, humildes e simples uns, cheos de símbolos outros e significando poder os poucos. De románica oferta están os de Pesqueiras, Fornas e Mouricios, sen ostentar desafíos ou provocar orfandades. A maioría dos campanarios na xeografía de Chantada, son de espadana neoclásica e de diversa modulación pero sempre inspirando a que se escoiten as súas altivas campás e se perdan as olladas no pináculo cruciforme. As espadanas son unha especie de menhir neolítico que une a terra e o ceo, ese tótem sacralizado.

Non gusto dos campanarios en formato de torre. Non deixa de ser unha imitación dos grandes mosteiros e das catedrais. Esa fachenda pétrea das torres campanario, exhiben unha arquitectura que rompe coa paisaxe feminina, tan estrelecida e luminosa, que non precisa de ningunha imposición no tumulto das pedras. E aínda que non é novidade a ática torre do campanario de Chantada, no centro urbano, custodiada por un labirinto de tellados. Impoñen eses arteluxos que se erguen con arrogancia e que son os campanarios de Sabadelle, Mariz, Nogueira e Requeixo.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES