Fágase o viño en min
Santalla, Iago - miércoles, 19 de septiembre de 2012
Por nai Sacra ribeira
por pai forte vide,
fillo da Ribeira Sacra
fágase o viño en min
Antón Valcarce
Unha das cousas que máis me ten impresionado, chegando ata o arrepío, é ver como unha voz emocionada lle canta a súa Terra (así, en maiúsculas por ser única e singular). E non ten porque ser a Terra propia á que se escoita cantar! Xa que as emocións derivan da empatía coa voz que se ergue: como non emocionarse con Aragón ao escoitar ao inesquecible Labordeta cantar aquilo de polvo, niebla, viento y sol?, ou escoitando ao noso Miro Casabella cantar O meu país? Ou a Gardel cantando Mi Buenos Aires querido? Ou a Lisboa menina e moça de Carlos do Carmo? Son cancións eternas, que reflicten sentimentos interxeracionais, interculturais e en definitiva humanos, cara esa Terra Matria na que se amantaron os primeiros soños.
Por iso (insisto), cunha pequena dose de empatía, os seres humanos podemos compartir nostalxias, morriñas e saudades.
Nesta ocasión a Terra (así, en maiúscula) é a Ribeira Sacra, e o seu cantor Antón Valcarce. Nun vídeo de 4:06 minutos de duración, a música e a poesía de Antón describe e acompaña ás imaxes de Némesis Creaciones S.L. Sen dúbida trátase dun traballo sociocultural que percorre todos os patrimonios presentes na comarca citada, reflectindo o carácter poliédrico da mesma. Deste xeito, podemos contemplar unha procesión, o románico, o entroido ribeirao de Santiago do Monte, o entroido do oso de Salcedo, a olería de Gundivós e por suposto! As fermosas vides que levan nas súas raigañas o ADN da comarca en sangue e suor secular, como canta o autor.
A música e a letra, é a dun home que ama a súa Terra, que se sabe parte dela e que sente no sangue o latexo fondo da paisaxe. Non por casualidade escolle como retrouso fágase o viño en min, ou un ácimo de uvas como primeira imaxe. Ao igual que tampouco é casualidade que fale dos seus antergos, fidalgos pero humildes, quizais divisados nos infindos horizontes da torre monfortina de San Vicente. Nada é casualidade, porque Antón pon corazón e alma para retratar unha Terra máxica e a maxia dunha Terra cun fondo potencial endóxeno do que, sen dúbida, el mesmo forma parte.
Somos os nosos mellores cantores, somos os nosos mellores promotores. Só nos falta a vontade para valorar o noso e consideralo como o que é: único no mundo. E así, nun acto de amor colectivo, quizais poidamos poñer en plural o retrouso de Antón e dicir: fágase o viño en nós .
Parabéns ao amigo e cantor Antón Valcarce.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora