
O Paseo dos Soños de Vilalba inza cada viravolta en máis mensaxes e sensacións, grazas ós materiais e as formas que van marcando cada hectómetro literario, enxergando na contorna novas olladas e ronseis para @s caminantes. Este sábado erguimos o 7º, dedicado a unha muller loitadora en moitas frontes, Margarita Ledo Andión: cineasta, escritora, xornalista, mestra, defensora dos dereitos da muller e desfavorecidos
Dous chantos xa lembran no seu berce, Castro de Rei, a súa poética e narrativa, nas rotas do Azúmara e da Escrita. Si a colleita do outono pasado deitou a maxia e o teatro dun veciño seu, Xosé M. Carballo, este plasma a representación cultural da imaxe, coa cámara e o libro, que se espallan coma follas e volvoretas no Rañego, xermolo da alma da muller, para o escultor Valdi, que as devolve á paisaxe-nai marcadas pola imaxinación da artista.
Margarita é pioneira en moitos eidos: fundadora da Facultade de Xornalismo, recuperadora do xornal A Nosa Terra, fai agora 35 anos
Converteuse en valedora da nosa cultura en foros e universidades de todo o mundo. O seu humanismo emerxe arrequecido polo dominio das novas tecnoloxías, e sen esquecer as raíces difunde en parámetros universais as inquedanzas deste tempo no fotoxornalismo, literatura ou cine: a loita pola liberación dos pobos en Santa Liberdade, as achegas sociopolíticas no s. XX con Liste, pronunciado Lister, ou o drama silenciado da muller emigrante en A cicatriz branca, filmada nas beiras do Atlántico, Castro de Ribeiras de Lea e Bos Aires, que vai estrearse en novembro en Cineuropa de Compostela. Agora, Margarita volve a camiñar na compaña do seu mestre e primeiro editor, Manuel María, ó compás da música do Rañego, envoltos en foulas e soños, nestes carreiros máxicos que convidan á memoria e ó compromiso co país a través da lingua e da paisaxe, que documentou a directora en Manuel María: fala e terra desta miña terra, inmortalizado no 2º hectómetro,
E repítense os guiños cómplices, arestora compartidos cos viandantes, porque Margarita foi a primeira en disfrutar coa tradución ó portugues de Os soños na gaiola que recorda o hectómetro manuelmariano, nos seus 30 anos. Ela non esquece a acollida que recibiu en Portugal como exiliada e profesora, e Manuel segue a berrarnos que o Miño endexamais separa.
Foto Santamariña