Arbitraxes e preferentes
Editorial - jueves, 06 de septiembre de 2012
Os métodos seguidos polas entidades bancarias ou de creto para adxudicar preferentes non parecen ter sido abondo ortodoxos polas reclamacións que xorden por parte dos afectados, aínda que seguro cabe tamén a aparición de espabilados que sabendo o terreo no que se metían pretendan agora saír ben dunha aventura económica fallida.
Pero en moitos casos non se explicou ben porque cando se trata de cartos as nosas xentes son máis ben cautas, e prefiren algo na man que moreas de billetes voando non se sabe en que dirección. E tal como agora se informa en relación con estes investimentos, calquera aforrador galego se tentaría moito antes de aventurar os aforros dunha vida de traballo nun produto que require de grandes coñecementos e un afan aventureiro difícil de atopar.
Parece que as entidades non teñen máis remedio que ir adaptándose ás circunstancias e solucionar os problemas que se van xerando por parte dos manifestamente ignorantes da aventura na que os meteron. E a algúns xa lles están pagando, outros están someténdose a unha arbitraxe e outros máis plantean accións a calquera outro nivel, porque a anunciada quita dun elevado tanto por cento é difícil de asimilar por calquera, xa non digamos polo que caeu de incauto nestas operacións.
Sempre foi crenza popular que a necesidade agudiza o inxenio, e neste caso a necesidade é patente pola crise e polo anceio de clarificación dun tema escuro, polo que as cousas se van mirar desde agora con lupa, e mal o teñen as entidades que pretendan vender produtos económicos por moi claros que resulten e avalados que estean polas máis firmes institucións.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora