Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na Caeira, a 76 anos do terror!

miércoles, 05 de septiembre de 2012
Estamos hoxe aquí para recibir o premio que outorgades, nesta ocasión, a dous cantores que no seu exercicio volven atrás sobre das pasadas, sobre de palabras esquecidas para relatar tempos, ...tempos silenciados intencionadamente e porque a alguén lle convén. Grazas pola vosa xenerosa consideración e por estimar en demasía a nosa cativa contribución á recuperación desta feliz memoria, a da nosa historia máis recente, con feitos e con tantas vítimas aínda nin sequera coñecidas nin enumeradas. Trátase sinxelamente de ser e querer
ser, de estar e saber estar, de aprender do exemplo que deron.

O certo é que sabemos que o noso Pobo está enfermo da memoria. Enfermo nesa amnesia deliberada que produce a seria rixidez da expresión facial, ausencia mesmo de nós mesmos, ensimesmamento e dureza de carácter con ausencia de vontade de ser. Esa é a nosa crise, a nosa máis grande crise. Non facemos o exercicio de reflexión, de regresar e evocar ao
pasado para prognosticalo e nel, sentirnos protagonistas de nós, para aprender, ...para saber de ónde vimos, e en definitiva: onde estamos e quen somos. Estamos desorientados e tan desposuídos nos deixaron, que cremos non ter sequera pasado. Anque, ben sabemos, temos o noso mapa de Galiza marcado por paisaxes fermosísimas de brillos e florecemento, e tamén páxinas de terror e de silencios, por cunetas e fosas que,
arredadas baixo a lousa enorme dunha mesta nube de escuridades, non son outra cousa que medo á verdade.

Foron heroes, por se negar á usurpación do lexítimo, e por dicir que non a esta barbarie que xa se aventaba. Matáronos porque pensaban e porque pensaban nunha Galiza máis xusta e para todos. Merecen todo o noso recoñecemento agradecido,
mantiveron a dignidade e gardaron a honra, tamén a nosa. Por iso, queremos sabelos, que se diga a verdade, restituírlles a honra, emendar aquel tráxico erro. Queremos lembralos e aprender deles, de ti Alexandre Bóveda, daquilo que deixaches dito nunha carta sobre a necesaria unidade, na concordia de todos os nacionalistas e galeguistas sen caer na tentación de romper en cachos -de cara ás eleccións do 36!- Sensibilidades diversas, si; acentos diversos tamén, pero concordando na Causa esencial: Galicia! En pé e sendo ela, axudando a se erguer aos demais Pobos da Terra!

Ninguén falou de vinganzas por mor da nosa memoria, só a ansia de reposición, ...anque sabemos que ese é o temor dos verdugos, porque a propia luz pode sinalalos. Foi tanto o mal que nos fixeron, que por riba deformaron a historia dun xeito tendencioso e con mentiras. ...E de tanto contárnola así, mesmo nós, fomos quen de deformar os feitos e a súa interpretación, para facelos dalgún xeito asumibles; tantas foron, tantas son as traizóns, que nós –tolos no sensaber- inventamos argumentos cribles que nos puideran dar paz en tanta ignorancia, sen
saber sequera a quen culpar. Non sabemos de onde procede tanto rancor, tanta dor. Se nos adoutrina, desde pequenos, a ser submisos, consumidores voraces do que nos venden, que non é máis nin menos que a ruína en forma de funcionamento insostible dun sistema por eles inventado. Vimos desconectando da nosa esencia xenuína e única, persoal, da nosa memoria (semente de dignidade e liberdade) que nos permitiría reconstruírmonos, ...e vimos pola senda desa maioría que
esquece, niso que chaman “democracia”. Só de nome, xa que parte de pautos de silencio e imposicións previas, submisións e condicións de uso.

A nosa personalidade queda adaptada a sistemas xa previstos, a fábricas de indución ideolóxica e de convicións compensatorias, que acaban evidenciando a mentira e a soberbia dos de sempre, nuns contornos que esperan de nós mansedume e este silencio compracido.

Fano con premeditación e aleivosía, desde fundacións de deseño para unhas condutas de comportamento básicas, onde se traman todas estas pautas ideolóxicas e sentencian a súa salvagarda e as nosas mágoas, perfilan unha chea de despropósitos, por conta de nós e do noso, para arruinar así as ansias de mellora e progreso. E doémonos, cando nos mancan os feitos, á espera dunha xustiza que non chega, que esquece e que se antolla lenta, mentres na súa lentitude golpea sempre ao que
por ela espera, ...para que desespere e sufra.

A peor tiranía é a que se exerce á sombra das leis e baixo a calor da xustiza (Montesquieu).

Pesa en nós o esquecemento e ese “non saber” tan necesario para convencer. Vemos, por exemplo á xente nova, como se emocionan co alleo e non se emocionan escoitando a veraz historia do seu Pobo: das xentes labregas e mariñeiras que mantiveron viva unha maneira de falar, unha maneira de soñar, de concibir o mundo… Unha historia feita de esforzos
admirables, pero para nada valorados. Canta xente que segue admirado das grandes obras de arte non acaba de ver e, polo tanto, de valorar, que a maior de todas as obras de arte, é ter esta lingua que nos habita, unha lingua propia, unha lingua –por certo- que nunca foi nin será de ocupación nin dominio, nunca de imposición. Como poden mentir tanto estes señores, como pode ser a lingua de aquí, imposta aquí! Que pasa nos resto do mundo, tamén están impostas? Mentiron e agrediron
sen motivo nin razón. Non merecen chamarse fillos da Terra!

Temos –diante de ti e moitos coma ti, Alexandre Bóveda- que pedir perdón, ...polo pouco que levamos avanzado dende a vosa ausencia: o nacionalismo dividido, e aquela lexítima estratexia de que a “causa galeguista” impregnase aos demais partidos.

Vai mal, moita xente nova ve a lingua propia como estraña e seméllalles cousa de catro románticos e “matados”. Todos sabemos que “teremos miles de primaveras máis para a Nosa Lingua cando sexamos quen, de recuperar os miles de
primaveras que nos deben, dun pasado esquecido”. Rotundo e pesimista lembro o que escribiches o “Día da Patria” de 1935: “No camiño que nos trazamos, hai moitas dificultades que vencer; hai moitos rodeos que dar... Mais, que ninguén perda a súa fe, que ninguén abandone a espranza de chegar a termo. As voltas do camiño poden semellar retrocesos, mais son pasos adiante que ninguén terá forza dabondo para nos obrigar a desandar”. ... Ergueremos sobre das nosas cinzas e
seremos conscientes de que as dimensións da Nosa Patria non só son terra, tamén son searas de esperanza, mares e ríos de amencer e de porvir, de sol e de traballo, de estímulos fermosos, de tantas emocións que é preciso sentir para encontralas, para lembralas e para reconfortarnos na autoestima. Desde esa loita, aínda hoxe, algúns dos que andan á procura da memoria e da verdade, permanecen detidos no cárcere, supostos “presos políticos”, que cumpren penas infundadas, sen xuízo e sen dereito a unha defensa digna da sociedade na que
naceron. A simple sospeita os inculpou. Non sabemos da presunción de inocencia coa que moitas veces enchen a boca.

Esta é a democracia que nos venderon, a das prevencións e asimilacións mesetarias, esta que debuxa en gris o que se nos pintou multicolor. Para iso vale tamén a memoria, para dicir e desdicir, para esixir, para rectificar a tempo, para aprender e gardar aprendizaxes, para non repetir erros, para crear tempos novos. E eu miro e vexo, vexo aos meus fillos padecendo a
idea que queren impoñernos. E aos fillos dos meus fillos termando aínda das erradas decisións que se tomen, e nas que sempre pagaremos nós os delitos doutros. MAÑÁ, QUIZAIS TEÑA QUE SENTARME COS MEUS FILLOS E DICIRLLES QUE FOMOS DERROTADOS. PERO NON PODERÍA NIN MIRALOS
AOS OLLOS E DICIRLLES QUE HOXE VIVEN ASÍ, PORQUE EU NON ME PUXEN EN LOITA! (Dunha pancarta grega) Por iso, chegados aquí, desposuídos daqueles pequenos logros que gañamos a base de traballo e esforzo, de soños, de heroes que souberon dicir que non á ignominia, ...non nos queda outro remedio máis que rebelarnos, ...pacificamente, si, pero rebelarnos, dicir que non, saír ás rúas e en berro forte e decidido opoñernos á barbarie, temos que negarnos e impedir esta gran depresión
social que é culpa -e parte- da frustración e dos continuos fracasos que sobre de nós pesan, culpa da mentira e ineptitude, que se pagan, logo, coa perversión da liberdade. Paralización, soidade, tristura, illamento e o medo son terreo abonado para a negatividade e o pesimismo, cargas de fondo contra o pensamento libre, contra a intelixencia e o verdadeiro progreso expresado no rigor da mellora social. Enganos, narcotización de masas con entretementos evasivos, fastos e celebracións, mausoleos da ruína, incultura e vulgaridade, a estética do noxo, falta de respecto e educación, elevación á deidade de obscenidades malignas e de personaxes difamadores que depedran o valor da palabra e o sentido común, para levarnos a ese lento suicidio de silencio que oculta o malestar e a necesidade social. Demonízanse, mentres, actitudes positivas, de ilusión, de proxectos, de diversidades, de sensacións limpas, de sentirse útil, de felicidade.

Fano, aqueles que xuraron o seu cargo polo seu honor e conciencia, ...onde van?. Honor e conciencia! Axudan, tamén, unha intelectualidade prendida ás subvencións e ao mamoneo, da man dunha prensa e duns medios tamén sometidos á mentira, que presionan socialmente ata repetirse: pregoeiros envelenados, subornados para facer cacería ao favor dos que pagan, nunca da verdade. Cunha igrexa anquilosada na
contradición da que debera ser a súa praxe. Van con xuíces que tragan, cunha caste miserable de empresarios, e de políticos que nos trouxeron aquí, a onde agora estamos, para chegar á evidencia do seu cinismo.

Este desacougo tráenos directamente ao abandono, á tristeza de ánimo, ao conformismo, á resignación. Roubáronnos, polo tanto, a vontade e os soños. Esquecemos os principios da liberdade asentados na dignidade e na confianza en nós, a que nos afirma de novo e nos fai recoñecer que todos nós somos en moito, parte do que fomos. Lembrar convértese nunha necesidade recuperadora. Cómpre a memoria do noso ser, cómpre amarse
para poder amar, cómpre empezar por crer en nós mesmos, cómpre dicir que non –dunha vez, e unha vez máis- a tanta destrución. Cómpre facer, cómpre empezar a corrixir, conseguir -sabendo que “xuntos” multiplicamos forzas, pero separados somos alimento fácil deles: os que dividen para matar. Temos que nos arrepoñer diante tanto recorte na intelixencia, na tenrura, na vida, na educación, no goce, na sanidade, nos dereitos sociais equilibradores, nos apoios aos máis
débiles. Non podemos abandonarnos a traidores, aos que están sen corazón cando xustifican o dano xeral polo beneficio duns poucos.

Témonos que chantar diante a inmoralidade e o esquecemento, que é o que xera a nosa pobreza e aniquila o futuro dos nosos fillos, as nosas propias esperanzas. Hai que reaccionar, hai que manifestar en pé de dignidade o noso desacordo. Non lles chega o seu cinismo, agora quérennos roubar o pasado, e que o paguemos con presente e futuro. Só nos queda esa revolta e a insubmisión diante do noso aniquilamento! É a loita pola supervivencia.

E ben, ...grazas por este premio, grazas por nos permitir dicir,
grazas por este bico nos ollos que en nada se parece a outros premios institucionalizados que xa dan mesmo vergoña, confundindo a todos, pois serven para pagar favores, silencios e mesmo contubernios da podremia, que nada teñen que ver tampouco co nome que levan. Mestres, este o voso premio, habita a súa pureza e, en nós, será orgullo e proba do noso compromiso. ...Á memoria de nós e do noso, á memoria de
tantos como Alexandre Bóveda e ao Noso Pobo debemos toda obriga e serán a principal tarefa, nunca deixaremos de cumprirlle como merecen no sublime esforzo de soltarnos de tantas cadeas que nos prenden, que “Antes mortos que escravos”. Saúde e cante o merlo!

(Dito por Mini e Mero no acto da Caeira, o Día da Galiza Mártir)
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES