Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 8 de setembro chámase Manuel María

miércoles, 05 de septiembre de 2012
Dende o ano 2004, que nos falta, o 8 de setembro chámase Manuel María. E isto é así porque o poeta deixou un fondo baleiro entre todos os que compartiron con el a vida; e tamén entre aqueles que día a día seguimos a súa estela de bondade, ética e amor á patria.

Sempre estiven preto dos círculos do Manuel. Aínda que non cheguei a tratalo persoalmente, si cheguei a coñecelo en Lugo na presentación dun libro de Paco Martín. Aquel día firmoume dous poemas dedicados a Castelao que Xesús Alonso Montero publicara na súa Coroa poética para Castelao, deume unha aperta e falamos brevemente. Pouco despois merquei a súa obra completa que co tempo, converteuse para min nun libro de cabeceira que releo case a diario.

O seu pasamento sorprendeume na Coruña. Anos despois, a través de Mero, tiven noticia de que cada 8 de setembro se lle facía unha homenaxe polos lugares da Terra Cha que cantou coma ninguén. Dende entón, procuro reservar a data. Unha data que para min é máxica, e da que acostumo a recoller moitos folgos para a vida. Isto é así porque ano tras ano comparto este día con compañeiros e amigos que constitúen para min auténticas referencias morais.

Débese dicir que se trata dunha actividade de custo cero; que se fai exclusivamente grazas á dedicación de Alfonso de Xermolos e á vontade dos participantes, que reciben como recompensa o bálsamo de pureza que os versos do poeta poñen no corazón.

Mais, como case todo na vida, o cabodano do Manuel é un ritual, e cada lugar ten a súa función nesta viaxe ao mundo creado polo poeta. Deste xeito, xuntarémonos para xantar en irmandade no restaurante Río Ladra dende onde partiremos cara os lugares do Manuel. En Pena de Rodas todas as voces se erguerán por el, e as palabras mesturaranse co chiar dos paxaros. Despois, ante a súa tumba escoitaremos a ofrenda de Xoán Xosé Fernández Abella, que pousará unha rosa en nome da Irmandade. Posteriormente virán máis voces, máis rosas e soarán poemas do Manuel con música da Quenlla, Tino Baz, Antón Valcarce ou Miro Casabella.

En Santa Sabel, faremos de novo o rito da navalla compartida, baseado na coñecida idea do poeta de que este é un instrumento para compartir, e non para dividir. Nesta edición, o poeta David Otero entregaralle á navalla do Manuel ao tamén poeta, das pedras, Xosé Val Díaz “Valdi”; home de gran humanidade, de voz rexa e ideas firmes que a ten ben merecida.
Neste recorrido sentiremos no corazón dúas ausencias fondas: a de Bernardo e a de Avelino, que se nos foron a compartir co Manuel a patria do alén. Polo demais, xa se sabe: o 8 de setembro chámase Manuel María.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES