Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As eleccións: xa non son solución

lunes, 03 de septiembre de 2012
Empéñanse os políticos deste país en xunguirse ao revés. Non sei se vostedes, algunha vez, tiveron a oportunidade de ver a parexa de bois ou vacas xunguidas ao revés. Pois eu…si. Cando a rodas dun carro se metían nun buraco e os esforzos dos animais para sacalo tirando eran inútiles, o carreteiro intentaba correxir a manobra taleixandoos, e se desta maneira non podía resolver o problema, xunguíaos ao revés: Poñía a botoalla do carro nun postigo, sacaba a parexa dos animais xunguidos,virábaos e metía a dobra, encaixada no xugo, pola botoalla ata onde era posible, e colocaba a chavella.

Deste modo, as vaquiñas ou os bois, en vez de taleixar cos cornos e a parte saínte da cabeza, empuxaban coa xugueira, imprimindo un maior impulso ao carro.

Pero isto era só ocasional, mentres que para os nosos políticos é o habitual. Saben que non gozan do aprecio do pobo e seguen teimosamente facendo oídos xordos ás peticións cidadáns: Reformas estruturais serias e profundas e que desapareza das listas electorais a incompetencia, necesitada dun montón de asesores que tampouco evidencian os seus acertos, inda que, iso si, teñen un importante impacto económico nos orzamentos; unha xusta distribución das cargas impositivas; unha redución selectiva dos parlamentarios, porque, coas súas vergoñosas ausencias, poñen en evidencia que sobran cadeiras; auditorías encamiñadas a descubrir todos aqueles contratos que non teñan respaldo legal e respondan xustamente a unha verdadeira necesidade; supresión das empresas públicas innecesarias; control das subencións, e se fose necesario dar algunha, facelo con absoluta transparencia; atención prioritaria á agricultura, cunha racionalización e razonalización de todo o rural, evitando cás actividades cinexéticas dificulten o vivir tranquilo nas aldeas, de tal maneira que se un paisano mata un par de cobras na cociña da súa casa non teña que ocultalo, porque manter que así se defende a biodiversidade é irrisorio; vixiancia cuidadosa dos ingresos das empresas, rexistrando os paraísos fiscais; un plan de austeridade directamente proporcional a situación económica das familias, non inversamente; solucións intelixentes para evitar os desafiuzamentos de familias sen ingresos pola actual situación económica; riguroso respecto á independencia xudicial; garantizar a independencia dos medios de comunicación; unha lei que regule a financiación dos partidos políticos, con instrumentos de transparencia nas mans dos cidadáns, para que poidan facer uso deles ante quen proceda; etc, etc.

Todo isto, e moito máis que xa se dixo, non o van a resolver as eleccións, sexan a nivel do Estado ou autonómico, porque non son outra cousa que MÁIS DO MESMO. O divorcio entre o pobo “representado”? e os políticos cavou unha sima tan grande (entérense!) que todo o mundo ten a amarga sensación de que os políticos están xunguidos ao revés, e non parece que saquen o carro do atranco: Non aplican a forza máis que ós intereses persoais, a dobra non se axusta ao xugo nin á botoalla, a chavella non encontra os furacos, os animais están alporizados e todos corremos o perigo de que o carro se nos veña encima.

Tenten, pois, tan sequera nas listas electorais e non engañen ós votantes con programas irrealistas e irrealizables no actual contexto, e aínda así expóñanse a recoller moito do que sementaron, sen esquecer cás ausencias e abstencións, polo menos nesta ocasión, seguramente que non van a ser moi malas mensaxeiras, ocupando as cadeiras que sobran nos parlamentos.

Non deixen tampouco de botar unha ollada previsora ós movementos sociais, que adoitan aproveitar as covardías e debilidades da lexítima autoridade, e que son tanto máis perigosos canto máis inxustizas “victimicen” ao cidadán e canto máis insensibles sexan os gobernantes cos seus problemas: A falta de explicacións e fluída comunicación co pobo aumenta o malestar e fomenta a trola, poñendo en evidencia as súas carencias. Aparquen, pois, as arrincadas e non permitan lorar as vontades por aqueles que lles importa moi pouco o seu país: Os capitalistas apátridas e os políticos “profesionais”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES