Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Trens en vía morta?

miércoles, 29 de agosto de 2012
Compás social

O verán é un tempo propicio para todo, especialmente para desprazarse dun lugar a outro; e coa agradable consecuencia de poder ver a familiares e amigos, a veciños e descoñecidos. Nunha palabra, tempo de reavivar vellas relacións e establecer outras novas. Mais nese deambular estival quizais o máis enriquecedor sexa ese intercambio de impresións persoais e colectivas que, sobre o divino e o humano, realizamos constantemente de modo informal. Co simple método de preguntar, escoitar e comparar, acláranse moitas cuestións da vida persoal e colectiva, tanto de ámbito local coma de espazos máis amplos. A mentalidade e cultura popular constrúense e reconstrúense basicamente desde xeito.

Este verán, asomándome a esa ventá sempre aberta, atopeime, entre moitas outras, cunha frase moi repetida: “neste intre en España, en Galicia, estamos nuns trens en vía morta”. Perante esta insistencia na conversa dos máis caviladores, nomeamos outras posibles metáforas ou imaxes da actual situación colectiva de España: non estaremos na calma previa a un choque de trens? Despois dun vaivén de opinións en varias conversas, chegamos a un consenso razoado: pode haber algúns choques parciais, e mesmo neste instante estival algúns grupos estean suspirando e conspirando por un outono ben quente; mais os medios de comunicación, os partidos políticos e as institucións xudiciais, a pesar das súas enormes derivas que só coñecemos a medias, non perderán o suposto fío democrático. Certo que a inmensa maioría silenciosa semella haber acadado un perigoso punto de crítica sen retorno, aínda que de forma prudente.

A metáfora/imaxe dos “trens en vía morta” parece ter adeptos. A socialización na tolerancia e a mentalidade democrática evitan, por definición e principio, o choque violento de trens; e esas actitudes esenciais xa están arraigadas na inmensa maioría social da nosa sociedade. Os conflitos parciais poden resolverse por múltiples canles pacíficos. Certo que algúns grupos sociais seguen ancorados en ideas e métodos superados pola altura dos tempos, aínda que poidan ter éxitos extemporáneos.

Hai consenso evidente sobre que nos trinta e tantos anos de vida democrática acadáronse grandes metas de modernización en todas partes de España; mais as brétemas da crise tripla e en cadea (económica, política e cultural) están levando moitos proxectos colectivos a vía morta. Cada día vemos parar moitos convois da economía produtiva que poñen ó descuberto as trampas da economía especulativa e as múltiples formas de corrupción, antigas, renovadas e a maior escala. A linguaxe e os feitos da chamada crase política no seu conxunto provocaron unha sospeita masiva que será difícil de recompoñer. O resultado final está levando a un desfondamento cultural, entendido como unha perda de valores ético-morais, mesmo elementais, e de cohesión colectiva. Este escenario está poñendo a proba tanto o sistema ético-moral tradicional como a chamada ética da laicidade. Calquera delas debe ser avaliada polos seus froitos.

Esta visión da realidade, mesmo que teña indicadores moi visibles, non deixa de ser unha simplificación espallada nos medios de comunicación e nas conversas privadas pesimistas. Se fitamos en profundidade o transfundo menos ruidoso da nosa sociedade tamén podemos descubrir unha inmensa historia de altruísmo, de esforzo e solidariedade familiar, de amistade, de veciñanza, de grupos de voluntarios, de organizacións privadas e tamén públicas, etcétera. Organizadas as primeiras respostas de emerxencia asistencial, atopámonos xa con moitas experiencias que están encontrando novos modos de formación profesional, de traballo individual ou de grupo e de novas formas de organización empresarial que no seu momento darán o froito esperado.

Pode alegarse que, pese o valor deste inmenso bosque de novas experiencias incipientes, estamos nun océano global de tiburóns, de depredadores da economía, das institucións políticas e da cultura colectiva, que poden devorar ou reducir a irrelevancia a espléndida rede de iniciativas da sociedade civil de base. Sabemos de antemán que nada está asegurado; mais temos que manter a ilusión, acertada ou inxenua, e a esperanza de que dirixentes e dirixidos se encontren nunha nova estación sacando os trens da vía morta.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES