Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Avelino: o soño que perdura

miércoles, 29 de agosto de 2012
De novo váisenos outra referencia. Para min a terceira no que vai de ano despois de Isaac e Bernardo. E un, como sen querer, desespera e ata ten medo a deixar de teimar, a desistir ou a vencerse sabéndose carne de vampiros homoxeneizadores que patrocinan billetes aos desertos da ignorancia para os máis febles. Mais non, aínda somos donos desa forza que caracterizaba á tribo de Manuel María. Temos a forza da irmandade, dos soños, das batallas perdidas ou gañadas, e sobre todo a dignidade de quen se sabe humanista universal na súa propia cultura.

Agora, perdemos a un gran galego e sobre todo a un deses humanistas universais dos que falo: AVELINO POUSA ANTELO.

Sempre o lembrarei recitando nos cabodanos do Manuel María, era un pracer velo chegar para xantar; ou camiñar cara o centro de Pena de Rodas; onde con voz rexa daba vida á obra do Manuel. Avelino era guieiro para todos os que cremos nesta terra, nesta cultura e nesta lingua. El percorreu case un século cheo de vaivéns, e fíxoo coa máxima dignidade. Confío en que un día alguén lle ensine aos devanceiros todo o que foi Avelino: exemplo ético en terra posuída por lobos e vampiros.

Vivirá sempre en nós, que a partir de hoxe temos a obriga de actuar conforme aos seus ideais e aos seus actos. Non é difícil! Quen se foi, só era unha boa persoa, mais tiña unha presenza fonda que anegaba todo de amor.

Ata sempre Avelino, Lucho do Peto ata sempre. E agora que pertences á Galicia Eterna, longa vida xunto con todos aqueles que che valeron de exemplo. Agora ti tamén es o noso exemplo. Agora segues sendo o noso exemplo, como cando erguías na túa voz a alma de Pena de Rodas con verbas do Manuel; e facías máis puro se cabe o vento chairego.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania