
Na canícula, o sábado, fixen camiño a Rábade, á campa de Juana Capdevielle. Á porta reparo forzas á sombra do castiñeiro, tres veces centenario, que garda a memoria de xeracións de veciñas/os que lle confiaron os seus segredos.
Sempre admirei a acollida que esta vila deparou a esta mártir da liberdade e da igualdade, dende o 18 de agosto do 36. As frores naceron sempre dende que ela alumea o ceo chairego; nalgunha visita atopei unha veciña arrincando luz e cor da mármore.
Mentres que a maioría daqueles que os executores do levantamento pasearon nas cunetas, durmen en fosas comúns, ou non se sabe onde..., a esta moza garrida, bibliotecaria e dona da palabra, dedicaronlle uns sucos no seu camposanto, sabedores que non soterraban un cadáver, senón semente de eternidade, que dixo Castelao. O primeiro en descubrirme a verdadeira face desta muller foi o médico Euloxio Penas, fai anos.
Fillo do médico, Don Pepe, que foi chamado por un veciño para atendela, preñada, xa sen vida. Despois, no corazón do Rábade antigo coñecín a Maruxa Santiso, que con 90 anos remove as miñas entrañas, coa testemuña fehaciente da visión daquel crime; alí nas Lagoas, onde se ergue a escultura que simboliza a liberdade, en lembranza de Juanita, un santuario humido pero ateigado de vida, coma as cidades asulagadas da Chaira, recantos que conservan a nosa memoria: lendas e vidas tan reais coma a desta muller sacrificada polos que non aturaron a súa autenticidade.
É a Terra Nai que fai sentir as badaladas no seu corazón, e co seu son impide o esquecemento e a desmemoria, cun arrebato alongado máis forte co asfalto, a voráxine do ruido e as sereas das fábricas. O monumento é a ara que recolle os seus derradeiros latexos, o seu sangue, ruta e guía que clama xustiza as/os viandantes que transitamos por esa carretera. Rábade, na restauración do casco antigo, respectou con arte as súas medras grazas ó tren a ás feiras, agradecida cos seus devanceiros, así dedicandolle unha rúa dende a casa natal, a Fernando Arias, o crego celio, tamén asasinado polos facinerosos.
Sen dúbida, que neste aprezo polas raíces, ten que ver o alcalde, Quico, que coma músico, sabe interpretar a muiñeira tradicional cun aire moderno, coma celebramos na Festa da Virxe de Agosto.