Internet, inocente
Editorial - jueves, 17 de marzo de 2005
Internet é o sistema. Internet é este medio case milagroso que permite a conexión de xeito inmediato con calquera parte do mundo, para a transmisión de coñecementos e información.
Internet é a perfección da información, facendo realidade o vello soño nunca cumprido de facilitar o "feedback" (perdón polo anglicismo), e facer que o recipiendario da información se convertise á súa vez en informador, e sen demasiadas infraestructuras conseguir o tamén vello soño de todo xornalista de posuir o seu propio medio informativo.
Internet posibilita, e cada vez máis, a chegada de información ós lugares máis lonxanos e desde todo o mundo. Parece este sistema como a culminación de todo o anterior: Prensa, radio e televisión, xuntos no sistema que permite a maior inmediatez, a maior libertade, a maior amplitude de contidos.
Diante da forza e poder do sistema, álzanse voces: ¡coidado con Internet!, como se o sistema fose o culpable, como se o mensaxeiro tivese a culpa da mala utilización por parte de desaprensivos.
A máis recente destas malas utilizacións vense de desarticular cunha operación internacional na que foron detidos cincocentos pederastas virtuais, vinte deles en España, dous deles en Galicia.
Os indecentes son os que insertan ou consultan fotografías de "contido altamente agresivo", os que utilizan nenos -real ou virtualmente- para satisfacer baixos instintos, os que utilizarían calquera medio por riba de calquera consideración moral.
Internet, que é o mensaxeiro, que é o sistema, o medio, é tan inocente como calquera outro medio utilizado para conectar entre sí a seres humanos. Cando os seres humanos deixan de ser humanos, todo se volve primario e ruin.
Pero Internet é inocente.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora