Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Doutor apertas: A frescura escóitase

miércoles, 22 de agosto de 2012
Debo confesar que hai ben pouco que escoitei falar de Magín Blanco; e coherentemente debo recoñecer, tamén, que o primeiro que me impresionou foi a súa historia. Magín sufriu un accidente que o imposibilita para volver a tocar a guitarra. Case de inmediato moitos camaradas de profesión puxeron corazón e voz a unha merecida homenaxe que dá vida ás súas mellores cancións: Doutor apertas.

Doutor apertas é unha mestura de ritmos, voces, cores e soños entre os que os oíntes podemos permitirnos voar e imaxinar novos horizontes nos que diluír o medo; ou polo menos utilizar estes sons como un pequeno avesío no que refuxiarse das tempestades da vida. Na súa escoita, un decátase de que a creatividade non remata no acto creador, senón que se eterniza nas re - interpretacións que lle proporcionan á creación e ao creador novas ás para voar. Interpretar, reinterpretar,

REinterpretarSE e ser reinterpretado quizais supoña un ciclo vital que leve ao artista a súa plenitude. Neste sentido este tributo pon a obra de Magín onde lle corresponde: na órbita das melodías atemporais que fan medrar xeracións lonxe, ben lonxe, desa fugacidade comercial que fabrica estrelas para o esquecemento.

Doutor apertas é un disco feito por, para e dende o amor máis tenro que se espreguiza na ilusión de non deixar morrer sen voz a creación nacida das areas movedizas da inquedanza. Merece logo unha escoita pausada dende o centro do corazón, unha escoita libre e fonda na que soñar un país con fronteiras de nubes e homes a contar estrelas; porque, ao fin e ao cabo os soños son o sustento do porvir; e necesitamos homes como Magín que nos conviden a sentir infindas sensacións e debuxar nelas a utopía. De certo, a frescura escóitase, xa van 5000 audicións na rede!.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES