Ata sempre, Avelino
Editorial - martes, 21 de agosto de 2012
Camiñaba cun señorío que só da a tranquilidade de espíritu, a fidelidade a unha idea, e o paso dos anos. Chegou case aos cen en plenitude de facultades, de fe e de amigos.
Chamábase Avelino Pousa Antelo, e os amigos aínda o lembraban como Lucho do Peto, que cantara en orquestas, impartira maxisterio a varias xeneracións de alumnos novos e maiores- e con noventa e tantos anos collía o tamboril para tocalo con mestría acompañando ao gaiteiro Raul Galego, a Mini e a Mero, e participaba coa ledicia dun neno nas festas culturais que organiza Alfonso de Guitiriz.
Díxonos adeus Avelino, e hoxe o seu corpo arderá como a súa alma ardeu por Galicia tódolos anos da súa existencia. Era o único contacto que nos quedaba cos grandes do amor á Terra, discípulo de Castelao e presidente da súa Fundación, memoria viva dunha Galicia á que sempre quixo por riba de todas as cousas.
Fóisenos o último dos Grandes, que era historia con plena conciencia de ser un símbolo e unha conexión imprescindible cos que xa non están. Desde agora, está no alén.
No Olimpo que soñou Castelao, na súa Alba de Gloria.
Cando soñemos que pasan os grandes, entreles, con eles, mesmo diante deles abríndolles camiño, vai Avelino.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora