Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Son tempos de festa en Viveiro

lunes, 20 de agosto de 2012
A Emilio Ínsua López en
gratitude pola súa amistade.

Neste ermo onde se sementan os soños, neste verxel onde as beirarrúas estoupan en manifestacións de hortensias e os montes métense de amargullo no barruzo, niste areal aldraxado pola desidia e a insensibilidade cívica, niste berce noso, chamado tamén Viveiro, sol e pesadela das nosas vidas, e que tántas bágoas nos leva doído, onde o morrral enchese de esperas e camiña nas nosas costas polos atallos de san Roque, son tempos de festa, benquerido Emilio.

Velaí van os vellos tempos nos que adornábamos as rúas con loureiros, bandeiras e outras argalladas. ¿recordas aquel vello zapateiro na nosa Rúa?. ¡Cánta razón tiña Pepe da Lázara cando escribeu y ista fermosa estrofa!:

“Ni la Rambla de las flores,
Ni tampoco la gran Vía,
Para calle de salero
¡Viva la Zapatería!

Eran tempos nos que nos xuntábamos a toma-las tazas e ríamos con ledicia, porque disfrutábamos dos nosos seres queridos, e aprendíamos a orixinalidade daquel rapaz que rachaba os zapatos na festa. Eran tempos onde se celebraba o patrón coa gastronomía más apetitosa. Non había crise nin mai que a parira, nin faltaban cinco pesos para ises gastos.

Eran tempos nos que Rosendo, persoeiro entrañable onde os houbera, lía aqueles pregóns que redactaba Neira e despois tocoume a mín ¿Recordas cando subeu ao estrado o poeta Ánxel da Porta da Vila? O palco costoume un disgusto, pero a dicir verdade era unha pasada, aínda que esteña mal que o diga eu.

Roubeille a miña cuñada as telas. Pensaba en pagarllas, pero non mas cobrou. E ti traballabas de músico porque había que mercar os libros, vicio que non perdiches para ben la literatura galega ¿ cómo che vou a escribir a ti en castelán?

Aló quedan os tempos nos que presumíamos de haber organizado en Viveiro a elección de miss Galicia, con aquela insoportable Carmen Sevilla. ¡Cánta razón tiña Eugenio “O Fachenda” cando lle deu as cen pesetas que lle faltaban en…cento setenta e cinco mil que cobraba! E iso despois de invitala Toñito Serra ás mellores ameixas que vin na miña vida! Cando me enterei que se separaba daquel bendito e extraordinario músico como era Augusto Algueró, alegreime moito por il.

Costoume moito tempo perdoarlle a Miguel Ríos e a súa parella que, emporrados como estaban, saltaran por riba de todo canto había no salón de plenos do Concello ¡Si se chega a enterar D. Antonio Meirás, o alcalde, xa me podía preparar eu como responsable!

E alí non rematou a cousa: Xusto de Canoura avisóunos ao Negrito, encargado do volumen, que non lle deran moita potencia pois podíase fundir todo o alumeado. Nas primeiras cancións todo ía ben, ata que, chegado o “Himno da Alegría”, subeu, subeu e subeu o volumen …e aló vai todo. A Plaza, cheíña de xente como estaba, quedou totalmente a oscuras e estaba máis negra que a cara do rei Baltasar. Xa te podes imaxinar, se non estabas alí, o que lle sigueu: asubíos, berros…e todos os aldraxes que che caiban no teu maxín. Eu non sabía onde meterme, e tiven medo a que me zoscaran, pero, aínda así, O Canoura amañou o problema en menos tempo do que a mín paréceume unha eternidade. E ¿quen era entón o valiente que se subía ó palco para disculparse diante do público? Cada un da comisión escapaba o facía o remolón como podía, así que tocoume a mín como presidente das festas.

Empecei pedindo perdón, volvín a pedilo, outra vez máis e así sete ou oito veces máis, pero os asubíos, os berros e outras lindezas non remataban, ata coido que medraban. Como non había maneira de calalos, e eu estaba farto de traballar e intentar aforrar o máximo posible pr que a festas non gravasen ó Concello, optei por las bravas e mandei a todos a tomar polo sitio de atrais, que ven sendo un eufemismo máis fino do imaginado, e baixeime do palco. Entón os músicos de Viveiro, algúns dos Tolinos e os da Variedades, sabedores eles dos esforzos nosos, comenzaron a aplaudir e a xente revirou o seu comportamento radicalmente. fixéronno de tal xeito que remataron os aldraxes e todos foron ánimos, comprensións e ata agradecemento. Trocaron as tornas e eu saquei a conclusión do veleta que é o público e do pouco que costa cambealo. Son doores dos que se aprende.

Xa sei que ti sabes doutras anécdotas que pasaron naqueles tempos, pero hoxe non é día de seguir porque cecais faría falla un libro. Como aquela que sempre contas ti dun de Celeiro que foi a Madrid e non me veu. Niste caso ti es testigo.

Pero agora hai que falar dos tempos de hoxe e do fermoso que resulta ve-los rapaces que veñen ao Resurreccion Fest e o seu exemplar comportamento na Vila. Hai que darlles as grazas a eles e ós organizadores, pois no noso Pobo isa axuda económica e de promoción turística é moi importante.

E por fin, o S. Roque. Este ano a cousa non anda doada. Os recortes e toda-las medidas económicas afloxan o ánimo. San Roquiño podía facer un milagre e remata-los paraísos fiscales, pero témome que os milagres son cousas de xente inxenua.

Como ti non estás acó, direiche que polo resto a cousa é coma todo-los anos: a Mostra, -este ano non hubo festival do Landro, e coa que está caendo creo que fixeron ben-concertos da túa querida banda, “Noites de luz “, que organiza o noso Seminario, as corais, “Escolma de meus”, as feiras de artesanía e dos libros, onde supoño aparecerás para non perde-lo costume, exposicións de pintura…e pouco máis.

Son festas descafeinadas, non só na organización, senón no ánimo da xente. Vese tristura, e aínda que haxa turistas ou forasteiros, que non é o mesmo, nótaselles que o peto terma moito. Turismo de super, praia, apartamento e festas gratis.

Axiña rematará o mes no que Lourenzo ven de visita. Acó, ben sabes, o sol ven de turista e pasa quince días. O resto do ano o noso Pobo fábrica nubes, algunha cochas como as das Pontes ou Alúmina. Que nas primeiras década do século vinteún a mellor industria da zona sexa a de San Cibrao, con toda esa contaminación por fluoruros, fala do grao de desenrolo da nosa Mariña. E logo dínnos que somos choróns e que votemo-los políticos ó uso. Vai sendo hora de que os haxa dignos, non medras, espabilados e peseteiros, a máis de pesebristas.

Recorda que sempre digo que son coma os pitos de cuarto e
mitade.

Velaí che vai esta pequena crónica morriñenta e triste coma os días que nos toca vivir. Cada día sinto máis noxo por todo o que rodea ós cartos e por aqueles que viven obsesionados con iles.

Se nos decatáramos da realidade social na que vivimos, e comprendéramos mellor o vacío que supón esa atmósfera de superficilidade na que estamos inmersos, de mercar, tomar viños, presumir de parvadas e fosemos conscientes de que na porta do super hai unha pobre rapaza embarazada-quédanlle quince días- e buscáramos trocar esa realidade, cecais o can de S.Roque ladrara e eu comenzara a creer nos milagres. Serían as mellores festas da ialma.
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES