Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os novos tempos libres, argumentos para un cambio de perspectivas

miércoles, 15 de mayo de 2002
Introducción: nas fronteiras dun tempo móbil, material e virtual
O tempo non ten formas precisas: imposible de ollar ou escoitar; difícil de percibir e advertir, de non ser inserido nas convencións que deparan a experiencia dos ciclos -diarios, semanais, anuais, vitais-, os calendarios e horarios, os reloxos e as quendas que regulan a cotidianeidade. O tempo, sen embargo, ten rexistros que o identifican e miden; que o examinan, verifican, transfiren..., en secuencias e ritmos nos que se instala a vida, prolongándose ou reducíndose nos apresuramentos da máis estricta planificación e os devagares nos que se sumerxe o seu decorrer azaroso. Tempos que comenzan e rematan con pautas precisas, en segundos, minutos, horas..., tempos de pasar e de estar. Tempos, tamén, nos que apenas se insinúan principios ou finais, íntimos e públicos, nos que se instala a monotonía, a historia ou o porvir nas súas diversas formas, materiais e simbólicas. E ata sen elas.

O tempo ten límites, mesmo atemporais (Castells, 1998), móbiles e virtuais. Tal vez isto explica a influencia do seu péndulo na organización social e nos hábitos persoais (Barnett, 2000), na determinación da experiencia e do seu valor para a ciencia, a economía, a información ou a lingoaxe. Porque o tempo alcanza a todo (Mateix, 1999) e a todos, como chronos e kairos, único e múltiple, sagrado e profano, lineal e cíclico, absoluto e relativo, regular e caótico, diacrónico e sincrónico. Tempos de fronteiras, aínda que imprecisas, das que sen embargo botamos mán constantemente para falar de nós mesmos, do que facemos e do que nos acontece (Savater, 1999).

Non obstante, é tamén no tempo donde nacen e se desenvolven as liberdades. Paradoxalmente, afrontando o determinismo e a harmonía, a orde e a disciplina, a vixiancia e o castigo, que dirían Goffman ou Foucault. Como se se tratase dun re-nacemento permanente (Jacquard, 1994), que avanza pola complexidade -múltiple e diverso- abríndose ó xogo da incertidume e da imaxinación. Tempo, tamén libre, que re-aparace no horizonte da sociedade industrializada como unha aspiración e como un feito, “querido ou non, pero inevitable e cargado dunha suposta felicidade, aínda que tamén de incógnitas e de problemas” (Baruel, 1997: 49): tempo para a ociosidade, o lecer, a relaxación, a espera, o divertimento, a recuperación, a festa... Tempo e tempos libres que desde antiguo aparecen ligados a experiencias gratuitas, necesarias e enriquecedoras da natureza humana, atributos da vida das persoas e da súa autorrealización, sen que poida obviarse a posibilidade da súa vivencia como aburrimento, vicio e destrucción (Cuenca, 2000a).

Neste escenario e nas súas imaxes da modernidade, no que diferentes expresións de xénese cronolóxica (neo, post, milenium, etc.) lle confiren novos significados á construcción social da realidade -local e planetaria, como era da información, sociedade do lecer ou comunidade rede-, esta confrontación dos tempos -sometidos ou libres, asignados ou de propia disponibilidade- restablece o protagonismo das coordenadas temporais nos discursos e nas prácticas sociais. Non só como unha dimensión substantiva, inexcusable, para a existencia humana; tamén, e sobre todo, para o deber ser dunha vida con calidade, plena de oportunidades para estimarse e realizarse como persoas e sociedades.
Calquera alusión ós “novos” tempos libres, á súa vitalización histórica como “circunstancia” favorecedora de renovados estilos de convivencia, ou á súa reivindicación como un modo de abrirse a procesos alternativos da educación institucionalizada..., non poderá prescindir desta forma de percibi-los e proxecta-los nas preocupacións por dotar de contidos relevantes a un mundo que cada vez resulta máis complexo e desafiante.
Nestas preocupacións inserimos os argumentos que salientamos no que continúa.

Lecer e tempo libre no escenario da sociedade rede
Sen dúbida, unha das primeiras consideracións a salientar cando se recurre terminolóxica e conceptualmente á expresión “tempo libre” (e, acaso con maior sentido, ó seu plural: tempos libres), remítese á necesidade de proceder o seu recoñecemento como un “feito” ou “escenario” social cuantitativa e cualitativamente cada vez máis importante para a desenvolvemento humano, no que se ofrecen condicións que posibilitan a realización persoal, como oportunidade para “celebra-la vida e o lugar que cada quen ocupa no mundo” (Godbey, 2000: 27). E, por tanto, como un dos sinais de identidade máis definitorios na e para a construcción da sociedade que se ubica nun novo século e milenio.

Unha sociedade na que a metamorfose da producción e do consumo, dos sistemas de comunicación e transporte, os progresos tecnolóxicos e científicos, a crecente urbanización ou a mesma globalización dos aconteceres económicos, políticos, culturais, etc., nos sitúan diante dun futuro que hipotéticamente camiña cara unha probable ou mítica civilización do tempo libre ou do ocio (Dumazedier, 1962; Fourastié, 1968; Racionero, 1983; Sue, 1984; Cuenca, 2000b), ata agora tan só anticipada ou intuida no marco da clásica contraposición otium-negotium.

Que isto sexa así conleva situar o tempo libre e o lecer nos eixos que teñen a opción de contribuir a vertebrar un cambio estructural, axiolóxico ou paradigmático dos modos de desenvolve-la vida, que oscilan entre a o declive de texturas sociais anacrónicas (no plano político, institucional, laboral, convivencial, moral, etc.) e a emerxencia de redes configuradoras dun capitalismo expansivo e globalista. Isto é, dunha sociedade que oculta as fatalidades da homoxeneización ou das crecentes desigualdades, na que a flexibilidade -mito que se expande coa “utopía” neoliberal- e a liberdade semellan abrir novos espacios de elección para o desenvolvemento da vida, dos azares e inseguridades inducidos e introducidos pola modernización, e dos riscos que poden contraerse nun sociedade aínda en precario, que vincula a oportunidade de reformarse ó risco de destruirse (Beck e outros, 2000).

Nesta sociedade, a tendencia máis significativa respecto do lecer non será tanto a súa expansión como o paso da súa vivencia espontánea á súa organización e institucionalización. É dicir, o feito de que ademáis de constituirse como un ideal filosófico e reflexivo, encauce as súas potencialidades cara un amplo conxunto de comportamentos, significados, perfís e valores claramente ligados a esquemas de producción e distribución dunha economía global-local capitalista. Tal e como sinala Kelly (2000: 59), calquera análise “actual e esencial do ocio comenza coa natureza do capitalismo global”, xa que ninguna economía pode escapar durante moito tempo ós tentáculos do mercado mundial e ó sistema de inversión, con consecuencias que son moi pertinentes para o lecer e a sociedade que se define nos seus contextos: a concentración do control; as crecentes divisións e desigualdades que se producen no mundo; a expansión do “negocio global” do ocio, especialmente a través dos medios de comunicación; o desequilibrio na inversión da economía de mercado, segundo países e sectores de poboación, etc.

Nas secuencias deste planteamento, na perspectiva hipotética dun lecer convertido nun dos vectores fundamentais de cara á configuración da sociedade futura, será imprescindible non limitarse a agardar o que virá da mán de intereses económicos e políticos para os que o ocio xamais tería o sentido que lle confiren se non fose acompañado de boas doses de negocio e de rendabilidade electoral... convertido nunha realidade de alcance industrial e político, na que non se oculta que crear emprego e producir bens de consumo en serie é a principal finalidade de moitos dos seus promotores (Caride, 1998).

O lecer como un tempo reconceptualizado, plural e subxectivo
O “tempo libre”, coas posibilidades que ofrece respecto dun lecer favorecedor do desenvolvemento humano, non pode ser entendido á marxe das recentes e continuadas reconceptualizacións que se suscitan respecto dos modos de idear e vivencia-lo tempo cronolóxico nas sociedades avanzadas, industriais e urbanas. E que, tanto nos seus perfís físico-biolóxicos coma nos socio-culturais, experimenta profundas modificacións de natureza cuantitativa e cualitativa. Alomenos en tres planos da experiencia humana:

- Na ordenación das secuencias do curso da vida e nas categorías temporais que se asocian ó mesmo, en termos de etapas ou períodos que definen a maduración socio-biográfica dos individuos. Cada vez máis, sen que se obvie o seu percorrido evolutivo, cuasi-lineal, dende a infancia ata a vellez, adquire sentido a interpretación do desenvolvemento humano como unha combinación regulada de ritmos nos que nin o concepto de idade mental nin, menos aínda, a idade cronolóxica, son suficientes para explica-la madurez psicolóxica dos suxeitos. Isto supón poñer énfase nos modelos do ciclo vital (teorías do life-span) fronte os modelos organicistas ou psicoxenéticos do desenvolvemento, destacando que a existencia, pertinencia e relevancia de determinados momentos sensibles ou críticos nos que se afirman certos tempos evolutivos, non obedece tanto á chegada dun tempo madurativo oportuno, canto ás circunstancias histórico-vitais, incluindo a continuidade e persistencia de tempos socio-interactivos que median entre o tempo real de maduración acadado e o tempo potencial de desenvolvemento (Romero, 2000). En síntese, aínda que cada período evolutivo ten a súa propia xénese e as súas pecualiaridades de desenvolvemento, a división tradicional en etapas claramente separadas -a infancia e a xuventude, a idade adulta, a senectude- xa non garda unha correspondencia plena coas formas de articularse a vida contemporánea e os imperativos do futuro, apreciándose unha maior circularidade entre elas no que se refire a oportunidades de formación, expectativas e intereses, roles sociais, etc.

- Na distribución das estructuras temporais que se configuran a redor dos ritmos que marcan os calendarios e horarios: días, semanas, meses, anos... No fundamental isto supón afondar na distinción entre concepcions “monocrónicas” e “policrónicas” do tempo (Hall, 1984), contrapoñendo as convencións dunha temporalidade técnico-racional en suposto declive -para as que ten sido de utilidade a división da xornada en tres fases principais, de aproximadamente oito horas: unha de descanso, outra de traballo e unha terceira de “tempo libre”- ás emerxentes formas de planificar e orienta-la temporalización das tarefas, introducindo novos significados na división do traballo, na distribución dos períodos vacacionais, no “valor” material e simbólico das noites e dos fins de semana, na converxencia “virtual” de espacios e tempos nos procesos de comunicación, etc.

- Nas posibilidades de opción persoal e colectiva que ofrece o tempo como un recurso que pode inhibir ou, pola contra, garanti-la concreción de dereitos sociais na vida cotiá dos individuos. Tempos que na responsabilidade pública dos Estados ou das organizacións sociais entrañan compromisos co acceso á educación, no desempeño laboral, na preservación da saúde, etc. Neste contexto debe suliñarse o recoñecemento do tempo libre e do lecer como un dereito jurídico, en canto elemento primordial do desenvolvemento social e colectivo, como experiencia irrenunciable á que teñen dereito tódolos seres humanos, independentemente da súa raza, estatus, xénero, relixión ou habilidades: “o dereito ó lecer supón unha defensa do lecer en sí mesmo, é dicir, do lecer considerado como fin, como experiencia vital diferenciada, non como medio para conseguir outras metas” (Cuenca, 2000a: 75).

No seu conxunto, estas e outras estimacións sobre o tempo e as imaxes conceptuais que sobre o mesmo se constrúen na postmodernidade, inciden na súa caracterización como un constructo complexo e multidimensional, relacional e móbil, flexible e subxectivo.., no que é preciso compatibilizar a súa medida obxectivable e pública (mediada polos reloxos) coa experiencia emocional e privada que pon en relación varias estructuras, como a memoria, a capacidade de atención, o pensamento e a comprensión das situacións. Tempos, en fin, nos que se proxectan modas e modos de ser ou estar socialmente, que as persoas adquirimos e empregamos como medio de adaptación, regulación ou saber; tempos nos que nos socializamos, expresamos e integramos co pensamento e a vida, recurrindo a criterios que fluctúan entre un sometemento extremo á estandarización e o máis licencioso dos relativismos. Neste intervalo é onde se insiren os “tempos libres” e a súa necesaria harmonización con tempos que veñen pautados polos condicionamentos fisiolóxicos e as obrigas sociais, suxeitos á vivencia do tempo como un “fenómeno” estrictamente físico ou abertos a calquera continxencia que permita libera-los sentimentos e a creatividade.

A liberdade como principio e proxecto de realización humana
A pesar de que, na actualidade, os discursos e prácticas que motivan novas percepcións sobre o tempo libre e o lecer insisten en considerar que se trata dun “tempo” cronolóxica e “físicamente” delimitado -que non comprometemos coas obrigas cotiás, impostas pola supervivencia e as responsabilidades sociais-, persiste a necesidade de liga-la súa disponibilidade ós valores que agrandan a liberdade e a autonomía das persoas. Comenza por ser un tempo para un mesmo e para os outros, no que se procuran situacións ou actividades que se realizan de maneira completamente voluntaria, sexa para descansar, para divertirse ou formarse: un tempo que xamáis poderá ser imposto ou direccionado preceptivamente. Prosigue sendo un tempo de “liberación” e autorrealización persoal e comunitaria; isto supón observa-lo lecer como “un proceso dinámico, que crea un hábito de mellora relacionada co coñecemento, as habilidades e a toma de conciencia respecto a sí mesmo e ós outros. Isto fai que se poida falar da promoción dun obxectivo ético, no que a satisfacción que vai implícita no exercicio do lecer sirva para enriquecer e eleva-lo sentido das vidas” (Cuenca, 2000a: 74).

Considérase que é unha liberdade que non só adquiere valor en sí mesma senón tamén como unha referencia substantiva na xeración e consolidación doutros valores ou dimensións que contribúen ó desenvolvemento integral dos seres humanos, actuando como sustratos fundamentantes da condición cidadán e da convivencia cívica: tolerancia, solidariedade, cooperación, responsabilidade, participación, asociacionismo, etc. A propósito desta converxencia, non poderá esquencerse que “a vivencia do lecer é unha experiencia humana ligada a un mundo de valores e significados profundos, de aí a súa confluencia co exercicio doutras accións igualmente humanas” (Cuenca, 1999: 69).

Nesta perspectiva, a importancia do termo “tempo libre” reside na palabra “libre” e, consecuentemente, nos procesos ou prácticas sociais que responden a unha elección guiada pola propia vontade, transformándose en motivo de autorrealización, benestar individual e calidade de vida. Con todo, tal e como observa Trilla (2000: 142), sendo certo que o tempo libre se nos presenta como un ámbito privilexiado da liberdade, a autonomía e a independencia, tamén é frecuente que se decante cara a manipulación, a alineación e as presións soterradas, polo que haberá que diferenciar entre a liberdade que se limita a elexir entre a oferta do mercado (entre cousas ou productos que xa veñen dados) e a liberdade de “elexir camiños e procesos; é dicir, a liberdade de concebir e realizar proxectos; de construi-lo ocio e non só de consumi-lo”.

Unha concepción do lecer que privilexie a liberdade na súa acepción máis suxerente e axiolóxica, formando parte dun determinado modo de ser individual e colectivo, tamén deberá incidir na consideración do lecer como un fin en sí mesmo, procurando a realización de algo sen que se agarden compensacións a cambio da acción. Isto deberá traducirse non só en estilos de vida individuais senón tamén grupais e comunitarios, favorecendo que os colectivos sociais vivan máis satisfactoria e felizmente. En opinión de Cuenca (1995; 1998; 2000a), esta vivencia pode manifestarse de moi diferentes formas, ás que contempla como manifestacións ou dimensións dun lecer relacionado con distintos modos de vivir, así como con distintos ámbitos, ambientes, equipamentos e recursos. Son as dimensións:

1. Lúdica: exemplificada nas experiencias ligadas ó xogo e á diversión; tamén ás prácticas deportivas, á recreación, ás aficcións e a outros pasatempos, en calquera momento da vida.

2. Creativa: vertebrada á redor da experiencia artística, expresiva e cultural, refire ó lecer ás diferentes manifestacións da expresión estética, musical, etc. En calquera caso, entendendo a creatividade como a producción de respostas novidosas mediante formas e contidos que conlevan algún tipo de significado para as persoas ou os contextos nos que se insiren.

3. Festiva-comunitaria: considerada como unha manifestación da identidade cultural e social, a festa -no seu sentido tradicional e moderno- é concebida como un mostra extraordinaria do lecer compartido, fronte ás vivencias máis individuais do mesmo.

4. Ambiental-Ecolóxica: Aparece vinculada ó desenvolvemento da recreación ó aire libre, inserida nos contornos da Natureza e/ou do mundo urbano.

5. Solidaria: Considera o lecer como unha vivencia social, comprometida e altruista, na que predomina a vontade de cooperar desinteresadamente en tarefas de axuda desinteresada a outras persoas ou colectivos, en particular a aqueles que mostran carencias ou necesidades.

Todas estas dimensións son puntos de referencia para o desenvolvemento persoal e comunitario, que -no seu conxunto e de forma complementaria- contribúen a analizar, comprender e actuar na realidade global e complexa na que se sitúa calquera experiencia de lecer: “o coñecemento e proxección destas dimensións do lecer ilumina o diagnóstico e a planificación dun lecer entendido como desenvolvemento humano” (Cuenca, 2000a: 99). É nestas coordenas onde terán que ubicarse os desafíos que para o lecer plantean unha modernidade máis reflexiva, as innovacións tecnolóxicas e sociais e a era da información.

Feitos e desafíos da novidade: un lecer en transición
As circunstancias socio-políticas e económicas nas que se insiren as sociedades avanzadas, determinan que os tempos libres e o lecer adquiran tamén a connotación de “novos” modos de interpretar e desenvolve-la vida persoal e colectiva. Non tanto, no que ista novidade implica de contraposición entre vellos-novos tempos libres, senón no que éstes conlevan de extensión e ampliación das oportunidades das que gozan os individuos e as comunidades para unha vivencia máis plena do tempo e das alternativas que proporciona para a súa inserción na cotidianeidade. Unha novidade que é inseparable das condicións simbólicas e materiais que definen a modernidade, así como dos equipamentos e recursos, prácticas formativas, marco normativo, actuacións políticas, etc. que se asocian á liberdade de dispor de tempo para un mesmo e con outros; non só como unha vía que aporta respostas congruentes á lexítima aspiración de vivi-lo ocio activamente, senón tamén de cooperar na construcción de sociedades máis xustas e democráticas.

O alcance destas novidades, atentas a diversos requerimentos e propostas de acción, deberá interpretarse en función de un conxunto de parámetros e condicionamentos, entre os que salientamos:

- A emerxencia de estilos de vida que, sobre todo nos medios urbanos, se vinculan a unha progresiva mutación dos valores cívicos e das expectativas xeradas a redor dos mesmos, en termos dunha mellora significativa do benestar social, das transformacións que se producen nos sistemas productivos, da reestructuración das comunidades familiares e veciñais, do perfeccionamento dos recursos disponibles e das condicións de habitabilidade, etc. A cidade aparece como un espacio-lugar onde se deciden e se plasman os afáns do progreso e da convivencia, propiciando unha cultura do lecer máis diversificada e imaxinativa. O que non obvia o xurdimento problemas que desvelan as condición de desigualdade, inadaptación ou marxinalidade provocadas por un “tempo libre” cada vez máis supeditado as regras do mercado neoliberal e ós ciclos da oferta-demanda.

- As oportunidades suscitadas polos medios tecnolóxicos, comunicacionais, de transporte, etc., que, tal e como interpreta Zorrilla (2000), naqueles aspectos que se relacionan co sistema social de lecer, cambiarán decisivamente a organización do tempo social. Cabe entender, por unha parte, que se trata de recursos a través dos que xorden alternativas que “median” nas posibilidades de coñecemento e disfrute de múltiples iniciativas de lecer, especialmente en ámbitos ligados ó deporte, o turismo, a formación, a cultura, a gastronomía, os espectáculos musicais, etc. Doutra parte, se constitúen en sí mesmas nunha opción masificada de “ocupación do tempo libre”, vertebrando boa parte do tempo que teñen disponible amplos sectores da poboación, como xa é o caso da televisión para a infancia e a vellez ou de internet (por algúns definido como “o paraíso do lecer”) para a xuventude e os adultos.

- A estima do tempo libre e do lecer como un “dereito cívico”, con peso específico nas reivindicacións políticas, sindicais e sociais que se producen nas últimas décadas. O dereito ó lecer (incluido na terceira xeración dos dereitos humanos) constitúe a expresión dunha nova cidadanía, como un “ben” que hai que protexer e activar a través de experiencias significativas para cada persoa, dende a infancia ata a vellez. Para Ruiz Olabuenaga (1995), ó entrar a formar parte do conxunto de dereitos sociais, definidos pola Cidadanía do lecer, este pasa a constituir un dos capítulos importantes dos investimentos de todo o aparato da Administración Pública..., obrigándoas a introduci-lo na súa filosofía de responsabilidades políticas e, por conseguinte, nos seus balances de orzamentos.

- A vitalización e progresivo incremento das actuacións ligadas ás Políticas de Lecer, no que isto supón de creación e impulso de redes públicas e privadas na oferta e xestión de iniciativas, programas e recursos. Neste sentido, semella pertinente tomar en consideración as propostas contidas na Declaración de Sao Paulo sobre “Lecer e Globalización”, aprobada con motivo da celebración do 5º Congreso Mundial de Ocio en outubro de 1998, convocado pola Asociación mundial de Ocio e Recreación (WLRA). Na mesma insístese: na necesidade de garanti-lo lecer e toda a súa diversidade, a través de normas de actuación económicas, políticas e sociais que sexan equitativas e sostibles; en que os gobernos, a través da lexislación e das institucións que sexan pertinentes, creen contornos para que as persoas poidan celebrar e comparti-lo lecer; ou que, os sectores públicos e privados garantan que sexan formuladas políticas para desenvolver programas educativos en escolas e comunidades, realizando esforzos para entender mellor as consecuencias da globalización sobre o lecer e a recreación, por medio de programas coherentes de investigación e acción.

Cabe advertir, finalmente, que estas e outras consideracións respecto do lecer e do seu desenvolvemento na era da información, garantindo a tódalas persoas unha gama cada vez maior de oportunidades recreativas e de goce do seu tempo libre, non poderá ser entendida á marxe das condicións que actualmente definen -tanto nas realidades locais, nacionais coma planetarias- a unha sociedade na que perduran, e mesmo se agrandan, as desigualdades, os conflictos, a marxinalidade ou a fragmentación social. Todas elas, características da crecente dualización (riqueza-pobreza; inclusión-exclusión, etc.) que incentiva o capitalismo neoliberal, o mercado e os diferentes consumos.

Neste contexto é imprescindible que a comercialización do lecer e a súa expansión a través dos medios de comunicación social e das industrias culturais, non se constrúan ás costas da equidade e da accesibilidade do conxunto da cidadanía, incrementando as desventaxes de certas persoas ou colectivos sociais respecto das opcións do lecer, por carecer de información e coñecementos, de motivacións, de destrezas e habilidades, de falta de tempo e diñeiro, de transporte, de autoestima e sastisfacción, etc. Aspectos nos que, como prevención ou acción, terán que desempeñar un especial protagonismo as Administracións Públicas e as súas políticas (con criterios de equidade, universalidade, diversidade, promoción, et.); tamén a educación no e para o tempo libre e o lecer, procurando integra-las iniciativas pedagóxicas que se promovan nos ámbitos familiares, escolares e comunitarios.
Caride Gómez, José Antonio
Caride Gómez, José Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES