Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Negar dereitos é limitar a vida

miércoles, 15 de agosto de 2012
Debo confesar que me sentín profundamente ofendido e decepcionado ao saber que o Ministro de Xustiza Alberto Ruíz Gallardón planea unha lei que incluirá a esterilización forzosa de persoas con discapacidade psíquica. Un non pode evitar cavilar en certas ideoloxías que se caracterizaron polo rexeitamento á diversidade, e que resultaron ser incompatibles coa democracia.

Quen entre en contacto con colectivos de persoas con discapacidade darase conta que cada persoa é única e que polo tanto haberá que valorar cada caso no seu contexto.

As declaracións deste señor humilláronme profundamente, entre outras cousas porque levo loitado moito polo recoñecemento de capacidades, e sei que unha discapacidade, sexa física ou psíquica, garda múltiples capacidades, sobre todo no terreo afectivo. Non se pode lexislar á lixeira sobre feitos que non van ter volta atrás. E sobre todo, non se pode lexislar á lixeira sobre feitos que van limitar as posibilidades de realización dunha persoa. Impedir sempre é o camiño fácil, o difícil é educar e poñer medios para vivir a propia sexualidade de xeito pleno e saudable. Isto é o que se propón en todos os foros e congresos que tratan o tema da sexualidade e a discapacidade; pero ademais fálase moito de afectividade que é un aspecto básico para acadar a plenitude citada.

En primeiro lugar ten que saber o Sr Ministro que na diversidade funcional psíquica débese valorar moi exhaustivamente o nivel de entendemento de cada quen. En segundo lugar o que ten que facer o Goberno dun Estado Social e de Dereito é promover a autonomía dos máis febles, e non a súa dependencia. Isto faise a través da educación e do fomento da igualdade de oportunidades en todos os ámbitos incluído o sexual, do que a miúdo todos se esquecen, e que constitúe unha parte tan necesaria como calquera outra para acadar unha vida plena.

Tamén me gustaría reclamar coherencia a certos colectivos que defenden os dereitos do non nato e se esquecen das familias que levan anos loitando pola integración e pola vida plena das persoas cunha grave discapacidade. Non vin en Internet ningún comentario destes colectivos sobre os plans esterilizadores do Sr Ministro de Xustiza, debo interpretar que non lles preocupa a limitación da vida por lei? Un pouquiño de coherencia por favor, e sobre todo non esquezamos que negar dereitos é limitar a vida.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania