Na sociedade
Editorial - martes, 07 de agosto de 2012
Foi unha crónica dunha crise anunciada, pero non lle fixemos caso coidando que non ía connosco, ou que sería algo que pasaría de largo. E non foi así.
Se a crise se manifestou en 2007, e de xeito definitivo en 2008, alomenos desde finais do século pasado víñase anunciando que os tempos eran chegados, que a burbulla inmobiliaria remataría por estoupar dándonos de cheo o seu estoupido.
Mesmo deuse en dicir por parte de gurús económicos e sociais que a crise que ía chegar non só era económica senón que a súa virulencia obrigaría a unha conseguinte crise social que produciría cambios sustanciais nos nosos xeitos de vivir.
A saber por que non fixemos caso dos avisos. E, o que é pior, non lle fixeron caso os gobernantes e responsables de institucións relacionadas coa economía e a sociedade, que cabe pensar vían moito máis claro o tema que calquera de nós.
E agora comprobamos que, efectivamente, chegou a nai de todas as crises, que podería traducirse por a crise perfecta, que se en principio foi económica, xa comprobamos que é eminentemente social, porque as ramificacións da economía van minando todas as base sobre as que se asentaban as nosas conviccións, o noso benestar, a nosa realidade.
Xa importa menos a cuestión económica que a fe e a esperanza no futuro. Xa importa menos o paro actual. O que preocupa é o dos nosos descendentes. Xa importan menos as decisións puntuais dos gobernos que o cambio de mentalidade que se está xenerando en base á realidade presente.
O que empezou sendo un problema económico, sen deixar de selo, é xa un gravísimo problema social. En tempos, dise, esto solucionábase cunha guerra da que só os máis válidos espabilados- quedaban con vida para reiniciar o sistema. Agora temos que solucionar en paz unha angustia global sen precedentes, á que temos que ir dando forma para que nos permita vivir e deixar vivir. Para que nos deixe seguir camiñando aínda que sexa con pasos máis lentos e inseguros.
O caso é camiñar. Aínda que sexa, como parece agora, cara a ningunha parte.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora