Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A desconfianza institucional

viernes, 03 de agosto de 2012
A falta de credibilidade, que radica sempre no individuo, pero con repercusións noutros entes, presenta componentes cognitivos, emocionais e condutuais que, cando se estenden ao ámbito do institucional compromete seriamente a articulación social.

Hai un caudal de crencias necesarias, xeradas por certas informacións e experiencias, que, se resultan falsas, rachan as imprescindibles seguridades na convivencia social e debilitan a confianza nos testemuños alleos, dos outros, poñendo en perigo as obrigas morais, o mesmo tempo que creban seriamente as converxencias institucionais.

É xustamente por isto polo que os gobernantes deberían de ser moito máis coidadosos co que din un día e fan o seguinte: As contradiccións descubertas polos cidadáns, e comentadas entre eles, corroen esa mínima confianza que argamasa a sociedade, nacional e internacionalmente. No caso de España, os exemplos son tantos que sería ocioso traelos aquí. E ocorre así, porque a desconfianza estendida a todas as leiras impide afrontar con auténtica anuencia a coordinación das funcións colectivas que a complexidade social nos esixe, e todos, aínda que principalmente os políticos con responsabilidades institucionais, nos encargamos de potenciar irreflexivamente.

Seguramente nunca se nos ocorriu pensar que tamén os sistemas abstractos, como o mercado, o mesmo diñeiro (no noso caso, o euro), necesitan dunha certa confianza, e incluso os subsistemas que permiten a integración sistémica, como ocorre coa ciencia, pois se perde o cidadán a confianza no portador da mesma, é case seguro que recúa a posturas irracionais. Penso que algo disto podemos observalo no campo das distintas ramas da economía.

Levamos a desconfianza, por tanto, a terreos que parecían incuestionables. É moi perigoso que un destes terreos sexa a mesma ciencia. Os gobernantes priváronna da propia e respetable obxectividade, porque se encargaron idiolóxicamente de investila dun tal grao de ambigüidade (como moi ben da abondo razón diso Zygmunt Barman, na súa obra “Modernidad y ambivalencia”, Anthropos, Barcelona, 2.005), que hoxe en día xa se pensa ata onde está ao servizo do poder de quenda e dos intereses comerciais. Acaso non se fala dunha economía, ou medicina, neoliberal / socialdemócrata, ou máis acentuadamente, capitalista / comunista, e da paz e da guerra?.

Non se está tamén dicindo que a ciencia é responsable da deterioración medioambiental?. Ben…Todos sabemos que a ciencia en sí mesma é neutra; pero nas mans dos que a manipulan deixa de selo no seu aproveitamento, e saber cando isto ocorre non sempre é tarea fácil para o cidadán.

Xa é teimoso que insista, unha vez máis, que moitos problemas que xurdiron nas sociedais actuais teñen asento na ausencia dos valores éticos. Pero hai que insistir en que aquí estamos todos implicados, porque a humanidade estacionouse no modelo de HOMO CONSUMENS, ata o extremo de que pensa (pensamos) que o consumo e a felicidade van xuntos, e por iso endeusamos o PROGRESO (sen saber aínda moi ben en que consiste), confiando cegamente en que desta maneira tamén acadamos a liberdade, xustificando, oa mesmo tempo, un desmedido crecemento económico, como argumenta Adela Cortina, na súa obra, “Por una ética del consumo”, Taurus, Madrid, 2.002.

O “homo consumens” non se preocupa de considerar ata onde o seu consumo aloucado repercute en todo o noso mundo, porque non é un consumidor individual, senón unido a outros consumidores, aos que está agrupado, constituíndo organizacións ad hoc. E a mesma presión do grupo impulsa e xustifica modalidades condutuais desenvolvidas na penumbra dunha realidade manipulada, para cuxa crítica está intelectualmente enervado.

Pero tamén a desconfianza institucional esportela a ética do consumo, porque non cre na corresponsalilidade dos seus semellantes nin na honestidade dos seus gobernantes, que lle evidencian, coa súa escasa pedagoxía, que o necesario sostemento é un “conto chino” máis o servizo dos poderosos.

Nada hai mellor para verificar estes asertos que constatar os remedios que se lles poñen: a “compra ética”, o “consumo verde”, o “comercio xusto”, a propaganda ecolóxica: toda unha terapia lingüística. Pero tamén xa se fala dos “novos ricos verdes”, como dí Alberto Ballestero Izquierdo. Ah!...e o de “novos ricos verdes” sitúeno neste contexto.

Xaora, os poderosos do mundo armárona de tal maneira que son moitas outras e moi importantes as razóns para que a desconfianza cidadá adquira proporcións insospeitadas. Basta dar unhas referencias do chamado “capital internacional ou especulativo”. Este é un moiño ao que os grandes especuladores levan a auga dos madoiros alleos.

O capital especulativo é aquel que non se emplea en inversións nin no comercio: NON É PRODUCTIVO. Como pasou de representar un porcentaxe baixo a un alto é unha cuestión que explicala ocuparía moito espazo, e esixiría unha preparación que eu non lles poido ofrecer. Pero o que nos interesa a nosoutros aquí é albiscar como inflúe na desconfianza. E seguramente se podería resumir isto dicindo que aumentou tanto ese capital que, hoxe en día, está tendo unha enorme repercusión nos gobernos nacionais, porque a comunidade inversora internacional pode condicionar as decisións de calquera goberno.

Se esa comunidade non desexa que un país creza, pode evitalo; e como non lle interesa outra cousa que non sexa a estabilidade monetaria, para conservar o valor do seu diñeiro, pon cancelas ao esforzo de crecemento de calquera país, porque os integrantes da mesma son apátridas, viven na abstracción dun espazo virtual, o das operacións “crediticias”. E como o crecemento vai acompañado dunha certa inflación, e isto fai que perdan o valor do diñeiro que teñen naquelas operacións, sempre serán un obstáculo para que o país non se aventure no crecemento, incluso retirando o seu capital da economía do mesmo.

Desta maneira me parece que está a UE presa polo morro ao ramal da comunidade inversora internacional, e coucea a un lado e a outro, dabondo desnortada. Os couces máis fortes lévanos os países membros que se debilitaron económicamente, como España, e as trepidacións atúraas o cidadán, cunha intensidade directamente proporcional a súa debilidade económica.

É, pois, razoable que a desconfianza institucional se vexa fortalecida nesta situación e se produzan convulsións sociais. O que xa non se entende é que os partidos políticos anden á greña, coma se nada importante estuvera ocorrendo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES