Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

É hora de rebelarnos

lunes, 30 de julio de 2012
Fun ao 25 de Xullo do 2012. Vou sendo maior e quero testar.

Lego, como herdo sagrado, a lingua e cultura galegas. Mas non sei a quen deixarllas. Non vexo herdeiros. Nin todos os da familia. As últimas vontades son sagradas, se hai quen as respecte.

Nos anos setenta uns rapaces novos, Fuxan Os Ventos, traballadores e universitarios, recuperaban con fachenda a conciencia colectiva de quen eran, de onde viñan, quen eran eles mesmos. E botáronse ao mundo a cantar e proclamar con honra as súas utopías, mentres estudaban duro e arreo para cambiaren a sociedade nas distintas profesións para as que se preparaban.

Eran un modelo de vida. Puñan os pelos de punta con aquilo de: “Meu pai é labrego, labrego naceu. Meu pai é labrego, labreguiño eu son. Meu pai é labrego, tamén meus avós. Toda a miña xente de labregos foi.” E cumpría non sermos desertores. E hoxe?

Con eles ía o escudo de honra da lingua galega naquelas presentacións na voz grave de Mini que che removían a alma. Saías de alí absolutamente desacougado na conciencia persoal.

Outras veces, eran os mariñeiros ou o mundo obreiro quen aparecían na escena. Tamén os emigrantes e os fillos deles. Sempre con dignidade. Na súa fala, na súa cultura, na súa longa historia de sufrimento. Eu tamén tomei conciencia: Eu son fillo dese labrego, da súa cultura, da súa honradez, da súa crase. E vaia honor!

Mas todo aquilo mudou. Agora, la gente guapa, bilingües de toda la vida, las elites super urbanitas de la cultura dominante, los birretes de los grandes saraos, fixeron de todos nós uns parvos. Somos la indecente boina. Clase de tropa, dixo aquel señor. E nós e as nosas xuventudes, xeneralizando un pouco, tragamos o anzol. Vivimos dominados, sen valorar o autóctono.

Por que avergoñarse dos devanceiros, Sra. Lago y demás? Tan malos “lles” foron? Porque eran galegos, non si? Desprézanllos os de Madrid? Pois xa é unha peniña non estar a ben cos que nos deron a vida e o ser por un pobre complexo deses. Que diferenza con aquel revulsivo que se operou en Fuxan. Teño esperanza nas minorías selectas e asisadas que irán marcando novas rutas.

Hai que rebelarse. Non falo de ningunha revolta violenta, na que sempre volven a gañar os mesmos. Falo dunha verdadeira revolución de mentes, pensamentos e modos de vida de todos nós. Non falo de ningunha toma de poder. Para facelo mal xa están os que están, e os de antes. Falo, ao estilo de Xesús de Nazaré, dun cambio sincero de mentes e corazóns. Dunha conversión. Somos nós, o pobo, quen te de reaccionar e facer un verdadeiro cambio en maneiras de ser e estar, de concibir a vida e relacionarnos. Non lle botemos a culpa a ninguén. O galego, a galeguidade, todo o que ten que ver con nós, se non van ben, a grande culpa é nosa. E non haberá solución mentres non haxa reaccións transformadoras no colectivo común, empezando por abaixo. No día da Patria Galega, nin todos falabamos no de nós. E sentín verdadeira mágoa.

Temos de recuperar as propias raíces, a riqueza que como pobo nos asiste e desde aí abrirnos a todo o mundo. Non fai falta levar broches de ouro nos puños e estar tocando neles arreo liberando ansiedade por estar convencidos de enganar á xente. Os dos bancos, os bispos e toda a xente guapa lócenos ostentosamente. Por que será?

Pobre xente acomplexada que só sabe destruír! Que fixeron de positivo? Transmitir as súas miserias conceptuais. Queimar arreo libros de texto coma os mellores inquisidores? Non se decatan, Sr. Vázquez e Sr. Lorenzo, que os libros arden mal? Puxeron Galiñas Azuis, e agora xa están a meterlles chave, porque son para os fillos do pobo, e se fican sen escola, mellor, serán uns sen voz, unhas pobres galiñas azuis. Un ferrollo inmisericorde caeu para Preescolar na Casa, Galescolas, Parvularios ou xardíns de infancia. Todo vai fechar. Pero ás aulas dos poderosos, a esas, engordáronas. Eu nunca quixera pasar á memoria sendo tan nefasto coma vostedes. Non lles pediremos contas algún día? Os banqueiros xa empezan a ser chamados.

Sr. Feijoo, non é estraño que o idioma se degrade. Vostede deturpa todo o de nós. Elimina as leis reguladoras, que non xa protectoras, do propio idioma. Cando fala no de nós, delátase. Non lle quere. Vostede non é ningún modelo.Un mínimo de amor propio e decencia. E logo anda a chorar polas silveiras adiante que non sabe inglés. Pois estúdeo, señor Presidente, que o seu correlixionario Aznar presume de telo dominado en seis meses e de conferenciar na anglofonía. Vostede é menos intelixente do que el? En moi pouca estima se ten. E de ser así, quizais non serve para o cargo, no que sempre aparece tan estirado, onde semella que todos lle ficamos pequenos ou mesmo lle debemos a vida. En tres anos destruíu vostede o labor de máis de mil de todo un pobo. Que conciencia!

Pero a culpa é nosa. No 25 de xullo nin todos falabamos galego. Eu estiven alí. É hora de rebelarnos, empezando por nós mesmos.
E eu quero testar. A quén llo deixo?
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES