De Olimpiadas e raíñas
Editorial - lunes, 30 de julio de 2012
Gosta ver como un Estado plurinacional aproveita unha ocasión como unhas olimpiadas para evidenciarse moderno, adiantado, poderoso e seguro de si mesmo. Gosta ver como toda unha Raíña con centos de anos de tradición e historia ás costas se presta a unha ficción jamesbondiana en aras da maior gloria da institución que representa.
Que lonxe este 2012 daquel annus horríbilis da monarquía británica, aqueixada por diversos problemas que o país e a institución souberon superar en aras do ben común, tendo en conta o que verdadeiramente interesa. E se o Príncipe de Asturias dixo aquel febreiro de 1981 Jo, que mes! (¿que non estará dicindo destes últimos tempos!), agardemos que todo mellore, mesmo a concepción que todos nós temos da monarquía e dun Estado no que nunca pensamos a menos que os nosos representantes estean involucrados agora, de novo- nunha confrontación deportiva a escala europea ou mundial.
Non están os tempos para demasiados alardes, pero non houbera sobrado que o Presidente do Goberno estivese na tribuna onde tantas testas ilustres se arrandeaban ao ritmo dos tambores do desfile. Estaba, sí, a nosa Raíña, que posiblemente merecese algún arroupamento máis en trance de tal relumbrón.
Unhas Olimpiadas son a gran ocasión deportiva cada catro anos para tomarlle a tensión ao deporte mundial. Pero son tamén a gran ocasión comercial, publicitaria, de entusiasmo e conciencia de país, que os ingleses souberon aproveitar. E moitos políticos á parte das dúas raíñas- tamén.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora