A vivir un novo 25 de Xullo!
Santalla, Iago - miércoles, 25 de julio de 2012
Hoxe celebramos un día con nome propio: Galicia. Unha nai velliña, soñadora, como dixo Manuel María. Hoxe é día de andar por Compostela, de chantar unha verba en cada rúa e lembrar que, como dixo Castelao, se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma . O 25 de xullo é un día de recoñecemento, de autoafirmación, de ser e presentarnos singulares ante o mundo e, sobre todo, de convocar a mesa da fraternidade para cantar nela os valores compartidos.
Dende hai 10 anos, xunto coas celebracións políticas e institucionais, vense celebrando o Festigal, que xa se converteu nunha importante mostra da cultura galega e da súa internacionalización. O Festigal é literatura, filosofía, música e sobre todo, xenio colectivo dunha cultura aberta ao mundo, con azos de universalismo. Este é un espazo ceibe que lle ofrece a cada creador a posibilidade de presentar ante o seu público as novas visións da vida; algo fundamental para unha cultura minorizada como a nosa. A través de iniciativas como esta, non só se dan a coñecer os nosos artistas, tamén se crean espazos de interacción e liberdade nos que xorden as muxicas da recreación cultural.
Pero o 25 de xullo é sobre todo irmandade, fraternidade; e isto é así porque o Día da Patria é un corazón interdependente que latexa ao ritmo da ledicia compartida da galeguidade. Por iso, hoxe é o día de todos os que amamos a cultura galega. De todos os que pensamos nun idioma, aínda que falemos cen. Dos que soñamos un pobo e como Pobo actuamos. E dos resistentes perennes contra as apisoadoras culturais que velan polo noso desastre.
Cómpre felicitarnos polo noso ser colectivo e único no mundo.
Cómpre agradecerllo á Terra, aloumiñándoa neste día con palabras de liño que lle prometan que, outra volta, nós e o noso xenio agromaremos deste atraco masivo argallado por xente sen corazón que procura, ademais, uniformarnos para perpetuar o noso desastre.
Non poderán con nós! Bo Día da Patria Galega!

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora