Caput Gallaeciae
Editorial - lunes, 07 de marzo de 2005
Criamos pechado o tema. Entendiamos que a capital de Galicia era e é Santiago de Compostela, e que ninguén a cuestionaba.
As razóns que levaron a escoller Santiago foron de índole xeográfica (centro de Galicia), histórica (archiepiscopado, universidade), pero especialmente política, de xeito que ningún poder provincial resultase especialmente beneficiado, sinaladamente a cidade que foi considerada "cabeza, guarda y llave del reino de Galicia".
Ningunha das outras provincias -os seus representantes- apoiarían a A Coruña como capital galega, a pesar da historia e da lenda, a pesar de radicar alí o Tribunal Superior de Xustiza, e ser a segunda cidade galega en número de habitantes.
A Coruña non foi, non é e non será capital de Galicia, precisamente polo seu papel na historia e na vida deste País, que orixinou e orixina ciumes, envexas ou recelos do seu poderío.
Pero entendiamos que o tema estaba claro. E pechado.
Ata que volve Francisco Vázquez, Alcalde de A Coruña desde hai máis de vinte anos, que dentro do máis puro efectismo político resucita un tema morto: Non renuncia a reclamar para A Coruña a capitalidade de Galicia xa que o levala para Santiago foi unha decisión "arbitraria e inxusta".
Sinalou, eso sí, que Betanzos tamén tería dereito á capitalidade.
¡Claro!. E Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo, que coas tres xa mencionadas forman as sete cidades do antigo Reino de Galicia.
Como se non houbese outros problemas, volvemos ás andadas e tentamos -tenta Francisco Vázquez- resucitar tema que se entende prescrito.
Ninguén discute o papel histórico de A Coruña, como ninguén discute a áurea cor de Ourense, a romana maxestade de Lucus, a serena medievalidade de Mondoñedo, Betanzos ou Tui; o sonoro bater da máquina viguesa... nin o latexar de Santiago como corazón das trescentas e pico Galicias.
A Coruña foi "cabeza, guarda y llave", pero Santiago é -legal e realmente- Caput Gallaeciae.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora