Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Subversión e creatividade

miércoles, 18 de julio de 2012
A túa hora é esta:
colle a fouce, meu pobo
ergue a testa, protesta,
e dempóis mata o lobo.
Celso Emilio

Dicía Celso Emilio nun fermoso poema dedicado a Fuco Buxán que a única opción do pobo é erguerse, que só así se pode gañar: espertando e loitando. Hoxe en día son outros os motivos, son outras as poutas do lobo co que nos enfrontamos, é outra a realidade e outras, tamén, as formas de opresión e dominación ás que nos someten. O que non cambiou é a utilización da demagoxia por parte do poder, nin esa mentalidade de tripar polo cargo arriba ata asentarse ben nunha poltrona de prepotencia. Fáltanos decencia e sóbrannos samesugas; e aínda poderíamos seguir con sonetos do Celso e dicir que, miremos onde miremos, só vemos “moreas de merda”.

Mais non é a resignación, senón a subversión o camiño.

Roubáronnos, expropiáronnos do noso para manter o seu status. Sabemos que manterse é o seu único obxectivo, que políticos e banqueiros só buscan saír inmunes e impunes da crise que crearon a costa do pobo traballador. Sabemos que xogan coas nosas ilusións e que ao final nada lles importamos. Entón hai que vencelos con palabras, con cultura, con poesía que deixe ao descuberto todo o que son. “Non podemos calar mentres nos teñan na noite”, dicía Saraibas. Necesitamos verbas para ler, para cantar, para escoitar, para berrar, para xerar desasosego e sobre todo para desestabilizar a esta incompetencia acomodada.

É imprescindible recrearnos na cultura da subversión, deixar falar a arte dende todos os puntos do seu rostro poliédrico, para que ela nos axude a enfrontarnos a eses vampiros que nos queren zugar corpo e alma. Parafraseando unha canción de Mini, permita Deus que se vexan como os coios dos camiños, que se non están enterrados, para baixo sempre van indo.

Necesitamos moreas de palabras, de notas musicais, de voces ceibes, de pintura e poesía que nos faga libres. Necesitamos artistas, xente sen pelos na lingua que obrigue a estes indecentes a oír os berros que pregoan aquilo que non teñen a dignidade de escoitar.

A creatividade foi sempre o bálsamo das tempestades.

Deixemos que flúa! Deixemos que poña a cadaquén no seu sitio. Deixemos que se converta no antioxidante do pensamento; porque ao fin e ao cabo, quen lle ten medo á verdade?
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES