Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algunhas consideracións acerca do primitivo condado de Pallares

jueves, 03 de marzo de 2005
Na páxina web que a Deputación Provincial de Lugo dedica ás parroquias do concello de Monforte de Lemos (www.diputacionlugo.org/ayuntamientos/monforte/) dise que o lugar de Pallares, aldea da freguesía de Baamorto, deu nome ao condado Pallarensis, un dos once condados nos que se dividiu a diocese lucense no século VI. Sen embargo, a través da análise de diferente documentación medieval, comprobamos que ese primitivo condado estaba moi afastado das Terras de Lemos.

O primeiro texto no que aparece reflectido o nome de Pallares refírese, efectivamente, á división da diocese lucense en once condados, realizada no discutible Concilio Lucense de 569, celebrado nesta cidade por orde do rei suevo Teodomiro. A confirmación desta partición tivo lugar no II Concilio de Braga, convocado por orde do monarca Miro, fillo de Teodomiro, no ano 572. O condado sexto, o de Pallares, aparece citado do seguinte xeito: Sextus comitatus dicitur Pallarensis, oritur ubi ingreditur flumen Argundi in Salizida, & vadit recta linea pro ipso flumine usque in Mineo, & dilabitur per Mineo flumine usque in Sile; & de alia parte ad illa Antafixa super Castro, quod dicitur Velsar, & inde ad illa Lagena & venit ad montem de Mata [Meta, na Colección da Catedral de Lugo] transiens Ferrariæ flumen venit ad Castrum Feesperariæ [Nesperarie, na Colección da Catedral de Lugo], & venit Aeiroso [Deiroso, no Liber Fidei] monte, & protenditur ad montem Navego, ad Castrum veniens Arburiæ Suliæ, conducens per flumen Bubale usque in Mineo finitur ( FLÓREZ, E. e RISCO, M.: España Sagrada, vol., XL, 347).

Aínda que moitos dos topónimos citados anteriormente resultan difíciles de identificar na actualidade, o documento si nos serve para delimitar con bastante exactitude este primixenio condado. O límite norte debía corresponderse, aproximadamente, co río Vilamoure, entre as parroquias de Coeses e Ribas de Miño, para prolongarse ata o Monte de Meda (O Picato). Dende aquí, pola parte oeste, seguía unha liña recta que, despois de cruzar o río Ferreira, continuaba polo castro de Nespereira ata chegar ó Monte Faro (antigo Navego). O límite sur constituíao o río Búbal ata a súa confluencia co Miño. A parte leste estaba acoutada polo río Miño ata a súa unión co Sil. Este longo territorio coincidiría, xa que logo, coa meirande parte dos actuais concellos de Guntín de Pallares, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

O discutido Testamento do Bispo Odoario, do ano 747 (España Sagrada, XL, 357- 359), volve amosar referencias ás terras de Pallares, aínda que non hai alusión ao condado, pois dentro da extensa lista de igrexas que este benfeitor doa á Catedral de Lugo figuran, no territorio de Pallares, as de San Mamede de Ribas de Miño e San Xoán do Campo (Lugo), Mougán (Guntín) e Recelle (Portomarín). O non menos refutado Diploma de Afonso III, de 897 (España Sagrada, XL, 385- 388), sitúa a igrexa de Mougán outra vez na terra de Pallares. Será na contenda de 1078 entre e o bispo D. Vistruario e os condes que invadiron o seu couto e usurparon os seus dereitos cando volvamos atopar referencias ao condado de Pallares: et posuerunt diem Placiti in comitato Paliares (España Sagrada, XL, 419).

Así mesmo, a numerosa documentación do Mosteiro de Ferreira de Pallares aporta elementos que confirman a localización deste condado. Nun dos pergameos, de abril de 939, lese que foi o conde Ero, que habitaba nestas terras, o fundador do Mosteiro de Ferreira (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1082/3). Anos máis, tarde, en decembro de 1074, é o conde Don Munio quen doa á súa esposa Ilduara diversas herdades localizadas in territorio Palliares Ferraria, que evidentemente se correspondía con Ferreira de Pallares (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1082/6). Ademais, a partir destas datas, o mencionado mosteiro sempre aparecerá citado como Monasterio Sancte Marie de Ferraria de Pallares, tal e como se corrobora na doazón do couto que Afonso VII realiza en favor do Mosteiro de Ferreira e da condesa dona Maior Guntroda, en xaneiro de 1129 (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1082/8).

Sen embargo, ¿con que lugar se correspondía ese primitivo Pallares que posteriormente deu nome a un territorio máis amplo? Considero que a escritura de doazón que Xoán Diéguez e Mariña Luces outorgan á Catedral de Lugo da súa porción na igrexa de Santa María de Pallares é fundamental para esta aclaración. Nese texto, do ano 1119, dise textualmente: in territorio Palliaris porcionen nostram eiusdem Monasterii quod Palliares uocitatur fundata ibi ecclesia in honore Sancte Marie Virginis (AHN, cartafol 733, fol 155). En realidade, non se trata agora do Mosteiro de Ferreira, senón doutro situado no actual lugar de Mosteiro- de aí o nome desta parroquia do concello de Guntín-, e que diversos testemuños escritos indican que se mantén ao menos ata os primeiros anos do XIV. Ademais, entre os anos 1227- 1310, sempre aparece citado como monasterio/ monesterio/ moesteyro de Sancta María de Palliares/ Paliares/ Pallares, mentres que o nome da abadía de Santa María de Ferreira de Pallares preséntase en todo momento ligado ao topónimo Ferreira. Outra proba concluínte témola nun documento do ano 1310 que leva por título “Relación de las posesiones del Monasterio de Ferreira de Pallares”. Nun dos quince folios orixinais que compoñen esta relación lese: de moestiro de Pallares [Mosteiro] auemos herdamento de dona Loba et de Rodrigo Montisino (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1096/12), é dicir, que unha das posesións que o Mosteiro de Ferreira tiña nesas datas era unha herdade [unha parte] no Mosteiro de Pallares.

Estimo, pois, que coa análise dos documentos anteriores, podemos aseverar que o primitivo Condado de Pallares se localizaba nas terras do moderno concello de Guntín de Pallares, e que a carón da actual parroquia de Mosteiro estaría o primitivo núcleo de Pallares. Isto explicaría a profusión de castelos e fortalezas no seu contorno, como o Castelo da Mota ou a torre- fortaleza de Francos.
Vázquez García, Carlos
Vázquez García, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES