Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algunhas razóns de fondo... ?

viernes, 13 de julio de 2012
Con toda a modestia que vostedes queiran, permítanme que nestas liñas lles expoña algunhas das razóns, que se me antollan xustificantes abondo, polas que eu veño insistindo nalgúns artigos que o goberno da UE. non está nas mans máis competentes, ou, polo menos, co coeficiente esixible ó que sería necesario na actualidade.

Parece bastante evidente, para comezar, que os veciños máis poderosos, EE.UU., sen que nos decatemos, están encirrando na casa, xa mal avida, da nosa aparente Unidade Europea, e fano como ten de costume esa poderosa potencia: dando e urxindo consellos que, necesariamente, vannos levar a unha irreparable desintegración, ou, sen dúbida, cando menos, a unha debilitación económica e non digamos militar, pola mesma dispersión dos exércitos, que sempre, paradóxicamente, poñemos o seu servizo.

A UE carece dun verdadeiro sentimento de identidade, un substrato esencial para artellar unha ben coordenada unidade política e económica que facilite a coherencia nas decisións, cos instrumentos de defensa común unitariamente xerarquizados: o que é absolutamente indispensable para acadar os obxectivos axeitados a fin de competir globalmente e situarse no nivel de respecto, co peso e a eficacia que lle permitan colmar as súas lexítimas aspiracións. E para iso, tampouco debería de dispersarse a intelixencia na coordinación das tensións xeradas polo egoísmo das distintas sensibilidades nacionais, porque é ben sabido, e expresado coloquialmente, que mentres as galiñas se alporizan no galiñeiro o golpe fai a súa ceifa.

Pero deixemos estes tópicos ( aínda que por selo non perden a verdade) e acudamos a outro espazo. Acaso a ninguén se lle ven o maxín que esta embarullada, por envolvente e rápida “recidiva”, crise que estamos a padecer tuvo algo que ver cun planeamento crebado das grandes potencialidades económicas estadounidenses?. Vexamos por que se me ocorre semellante receo.

Se non esquecemos os fondos cambios que se están producindo na economía mundial, cuns sistemas económicos que teñen por motor principal a cobiza, non é difícil comprender que, antes ou despois, as súas estruturas fundamentais están chamadas a unha inevitable autodestrución, posto que, para neutralizala, sería mester introducir uns cambios que non soporta a psicoloxía social humana, viciada por un desprezo olímpico ós máis elementais e esenciais valores, o que fai imprevisible que ditos cambios poidan chegar a producirse, e como esta é a psicoloxía das grandes potencias económicas do mundo, que nin tan sequera atenden serias razóns ecolóxicas, o porvir ofrece un matiz de belicosidade económica. Porque…o poder real non está nos sistemas políticos (aínda que tuveran a vontade de utilizalo ben), senón nas economías privadas: nelas tómanse as decisións acerca do que se produce, canto se vai a producir, que tipo de consumo hai que potenciar, en que países han de levarse a cabo as inversións, que postos de traballo requiren unha especial preparación, quen debe exercer o control dos recursos, que países son preferentes nas relacións comerciais, etc.

Pero levemos isto aos equilibrios internacionais. Tomemos coma punto de partida a situación de EE.UU. ante a máis que real presenza duns catro ou cinco bloques económicos: Brasil, en América; Xapón e China, en Asia, e a UE., que se se consolidara como tal, emerxería e deviría unha indiscutible unidade económica poderosa (e iso é o que se propón evitar a toda costa Norteamérica), e xa non son escasos os avisos dalgúns intelectuais ao respecto. Traigo aquí, significativamente, o que di Noam Chomsky: “Se os países de Europa consiguen actuar conxuntamente superarán a EE.UU.: pois forman unha economía maior, cunha maior poboación, unha poboación máis formada, e teñen os seus intereses coloniais, que de feito están reconstruindo”.

E neste galimatías económico, Alemaña apresúrase a establecer estreitas relacións coa Europa Central e do Leste, porque posúe industria, tecnoloxía e un certo capital investidor, e estas zonas europeas, con Rusia, apórtanlle man de obra barata. Por outra parte, Xapón fai o mesmo na Siberia, e desta maneira inverte o capital sobrante nunha estensa rexión con moitos máis recursos que hoxe en día lle é imposible aproveitar a Rusia, porque non ten capital suficiente nin tecnoloxía axeitada.

Así pois, EE.UU., a pesar da súa potencialidade, está sentíndose limitada, por iso “coloniza” a México e Canadá, ten que termar do Brasil e de China, países emerxentes no eido económico, e, sen dúbida, ten que despregar as súas arteiras estratexias en Europa, incluso reactivando os tradicionais sentimentos separatistas de Gran Bretaña. Xustamente por isto, nin os receos, nin as vixilancias son inxustificadas, e non parece, pola contra, senón que os nosos “mandamáis” europeos están achaiando o camiño da “colonización”, sen decatarse de que o que se pretende, aló no fondo, é o fracaso do proxecto europeo.

Por conseguinte, os consellos e parabéns do Presidente B. Obama deberían ser examinados polas autoridades europeas (se verdadeiramente existen) con microscopio e unha actitude cautelosa, xa que non parece conveniente perder de vista que falar de EE.UU. e do seu Presidente é o mesmo que referirse os poderosos intereses do capital americano.

Velaquí as “razóns de fondo”. Que sexan compartidas, ou non, é o que menos, pois, en todo caso, o tempo aplicará a verificación nun sentido ou noutro.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES