Rajoy: Travesía do deserto
Xiz, Xulio - jueves, 12 de julio de 2012
Chámase travesía do deserto o recorrido que efectúa unha persoa ou colectivo, afrontando unha mortificación para chegar en estado de pureza a un determinado porto, preparado para unha nova vida, especialmente política. E travesías no deserto teñen efectuado o PP, cando o PSOE o deixou K.O. Está sendo recorrida polo PSOE, despois do desgoberno dunha crise negada máis de tres veces. E aínda non o Bng, pero visto o estado da Unión, nalgún momento terá que pasala.
E a pesar de que estas travesías no deserto as emprenden os que perden eleccións e goberno, ben parece que o Presidente Rajoy está empeñado nunha especial travesía que parece unha viaxe a ningunha parte na que todos nós remamos con serias dúbidas de que o timonel saiba de que lado queda o timón.
Subir o Ive parece un suicidio, dando máis razóns aos que fuxen das facturas legais como alma que leva o maligno. Eliminar a paga do próximo Nadal a todo o personal funcionario é como colocarse un cilicio para facer sangue sabendo que nunca sacarás sangue en vano. O anuncio da supresión aclara que tampouco os políticos, concelleiros, deputados, senadores a van ter. Ou sexa, que tamén cobran estas pagas extraordinarias, concebidas en tempos difíciles para compensar aos traballadores con baixos salarios no verán e festas dos Nadal.
Se os gobernantes escoitasen o que se opina do Ive no mundo real das facturas ao detall, deixaríano no punto de conxelación. Elevalo agora só pode compararse á imaxe de Nerón que se supón tocaba unha cítara ou unha lira mentras Roma ardía, para poñer a proba a súa capacidade versificadora en clave de tolemia. O Ministro de Hacienda confirma imposible que sexa tan parvo- que se sube o Ive porque non o paga todo o mundo, que se todos o pagasemos non habería que subilo. E en vez de facer que o paguemos todos, súbeo aos que xa o pagan.
Velaquí que case a mediados de xullo, cuarta parte do verán oficial andado, caeu sobre as nosas costas o implacable xostregazo dos recortes que non aplacará a ira dos deuses dos mercados, e seguirán a flaxelarnos cos látigos das súas esixencias.
Rajoy camiña pola amarga travesía do deserto acompañado de cirineos que non saben como se leva unha cruz, e non lle queda siquera a posibilidade de queixarse da tropa, que el foi quen a escolleu entre as ofrendas humanas que recibe todo vencedor.
E nós, a velas vir. Amagando diante dos golpes, tendo que decir que chove cando o que nos lava non parece auga. Temendo, como os galos de Asterix que o ceo caia sobre as nosas cabezas, porque estamos totalmente convencidos de que Están tolos estes europeos, e imos ter que pagar euro a euro o soño da noite de verán da toleada carísima toleada, por certo- de intentar ser europeos periféricos. No pecado, estamos levando a penitencia.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora