Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O milagre do Códice Calixtino

miércoles, 11 de julio de 2012
A semana pasada foi grande para a cultura galega e universal. Apareceu o Códice Calixtino. As informacións que se deron foron tan incribles como aquelas que hai un ano informaron da súa desaparición. Daquela díxosenos que o deán saíra un intre deixando a vitrina aberta (vitrina custodiada por non sei cantas chaves); e ao volver xa non estaba. Ninguén viu nada. A perda era enorme e as probabilidades de atopalo remotas.

Un ano despois recibimos a boa nova de que o Códice apareceu nun garaxe compostelán relacionado co electricista da catedral; oculto entre caixas nunha bolsa de plástico. Por suposto a ledicia que a xente de ben sentimos é directamente proporcional á desesperación e á amargura que hai un ano nos produciu a perda dunha xoia da nosa cultura. É tempo de celebralo, de felicitar á Brigada de Patrimonio da Policía, pero tamén de pedir claridade. É necesario saber todo o que pasou para poñer en práctica novos xeitos de protexer o noso patrimonio. Sería un fracaso quedarse na ledicia da aparición cando a catedral de Santiago foi obxecto de roubos menores que non deixaron de pór en perigo importantes artigos patrimoniais.

Galicia ten que estar orgullosa desta Brigada. Mais non esquezamos que hai moito patrimonio que protexer, que este pode ser unha fonte de riqueza, de emprego e a base da imaxe que como pobo debemos dar ao mundo. Por iso, nestes tempos de crise hai que lembrar que é máis importante saber gastar o que temos, que aforrar. Se gastamos ben incrementaremos a nosa riqueza, unha riqueza perenne: ese patrimonio endóxeno que temos que saber pór en valor con raciocinio e creatividade; sabendo que ninguén coma nós coñece a nosa terra, por iso nós somos os mellores guías turísticos, os que podemos levar á xente onde nos dea a gana. Velaí o enorme potencial que nos fai libres e capaces de xerar o noso propio benestar. Só necesitamos protexer, valorar e investir coa cabeza.

Está claro que o da recuperación do Códice foi un milagre humano. Un milagre froito dunha boa investigación que agora se ten que converter nunha boa estratexia de prevención.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES